Durante os últimos días detectáronse intentos de estafas telefónicas ás parroquias e comunidades relixiosas do territorio da diocese de Tui-Vigo, nas que se suplantan a identidade dalgún sacerdote, algún membro da curia diocesana e mesmo do bispo Mons. Antonio Valín.
A estafa consiste nunha chamada telefónica explicando que é beneficiario dunha cuantiosa doazón. Para poder recibila, os estafadores reclaman unha transferencia económica como pago polas xestións. Ata o momento, afectou a máis dunha decena de sacerdotes e comunidades de vida consagrada.
A diocese de Tui-Vigo pide estar alerta para evitar caer neste tipo de estafas. Tamén lembra que nunca se solicitará cantidade algunha de diñeiro de forma urxente nin se pedirán claves ou números de servizos bancarios, nin por teléfono nin por correo electrónico. Calquera chamada deste tipo hai que supoñer que é unha estafa.
Ante calquera dúbida débese consultar inmediatamente ao bispado ao número de teléfono: 986 375 153.