Para facer visible o clima de desesperanza social e de desorientación no que viven moitas persoas, Cáritas lanza a súa tradicional campaña de Caridade. Baixo o lema «Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza», a Confederación únese á festa do Corpus Christi —que se celebrará este domingo 2 de xuño— cunha invitación para saír ao encontro dos demais, especialmente, das persoas máis pobres; comprometerse co ben común e cultivar a solidariedade en comunidade.
A experiencia de Cáritas á beira destas persoas é que é posible “recalcular o roteiro”. En palabras de Eva Santo Martín, coordinadora da campaña de Caridade de Cáritas, «cada encontro, cada relación de axuda significativa, cada diálogo sanador é sacramento de esperanza, especialmente para a persoa máis vulnerable. Trátase, pois, de saír ao encontro para acompañar a vida, o seu proceso de sanación e recuperación, o seu proceso de desenvolvemento en busca dunha vida mellor, establecendo vínculos coa persoa».
Abrir camiño á esperanza é unha tarefa ardua, que conleva unha responsabilidade afectiva e efectiva, coherente e próxima. Algunhas das iniciativas concretas nas que Cáritas está comprometida é a regularización das persoas estranxeiras no noso país; facilitar formación para alcanzar un emprego e defender a dignidade de todas as persoas que sofren algunha situación de vulnerabilidade ou pobreza facendo o posible para que poidan acceder aos seus dereitos.
«Grazas por tanta entrega e testemuño!»
Na súa habitual mensaxe con motivo do Día da Caridade, os bispos da Subcomisión para a Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española subliñan que a festa do Corpus Christi sitúanos no centro da vida cristiá e «fainos testemuñas da compaixón de Deus por cada irmán e irmá». «Facerse caridade —lembran— é ser, xunto a Xesús, pan partido para a vida do mundo».
Os membros da Subcomisión sinalan que «celebrar a Eucaristía é comulgar con Xesús e o seu proxecto do Reino para vivir cada día de maneira máis entregada, traballando por un mundo máis humano». Esta misión require chegar ás persoas, alí onde estean, logrando, ante todo, «recoñecelos realmente», para facelos «parte da nosa vida».
Semana da Caridade 2024, na diocese de Tui-Vigo
Para celebrar o Día da Caridade, Cáritas diocesana de Tui-Vigo organiza a XIX Semana da Caridade, cun amplo programa de actividades na cidade olívica, do 28 de maio ao 2 de xuño. O programa inclúe diversas conferencias, a eucaristía da Caridade, mesas informativas pola cidade de Vigo, e un concerto a cargo do cantautor católico Luís Guitarra.
A programación completa pode consultarse na seguinte ligazón.