A habitual xornada de formación para axentes de pastoral que, todos os anos, organiza a delegación de Pastoral Vocacional durante o mes de marzo foi aprazada. A data, inicialmente programada para mañá, 22 de marzo, trasladouse ao sábado 10 de maio, en horario de 10.00 a 13.30 horas, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo.
A delegación diocesana de Pastoral Vocacional tomou esta decisión porque «nos parece que, dada a temática deste ano —ecos do Congreso de Vocacións—, non debe coincidir con outras actividades diocesanas como, por exemplo, a charla coresmal do bispo —prevista tamén, para o 22 de marzo, ás 10.30 horas, no templo parroquial do Corazón de María en Vigo—».
Entre os días 7 e 9 do pasado mes de febreiro, vinte e dúas persoas vinculadas a diferentes ámbitos eclesiais da diocese de Tui-Vigo asistiron ao Congreso nacional de Vocacións, que tivo lugar en Madrid baixo o lema «Para quen son? Asemblea dos chamados para a misión» e que contou coa participación de 3000 persoas de todas as dioceses de España. Os ecos e testemuños deste gran acontecemento da Igrexa en España poderanse coñecer en maior profundidade o 10 de maio, ás 10.00 horas, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo.