16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

As Beneditinas de Trasmañó  acollen a celebración da Xornada Pro Orantibus

As Beneditinas de Trasmañó  acollen a celebración da Xornada Pro Orantibus
FOTO.- Comunidad de Benedictinas en la capilla del monasterio, junto al párroco de San Vicente de Trasmañó y varios feligreses | © Diocese de Tui-Vigo

O encontro de oración que organiza a delegación para a Vida Consagrada da diocese de Tui-Vigo para celebrar a Xornada Pro Orantibus (Polos que oran), na festividade da Santísima Trindade, terá lugar este ano, no mosteiro da Transfiguración do Señor das irmás Beneditinas de Trasmañó , o vindeiro domingo 15 de xuño, ás 19.30 horas.

Baixo   o lema «Orar con fe, vivir con esperanza» a Igrexa diocesana ofrece nesta xornada a oportunidade de dar grazas a Deus polos seis mosteiros de contemplativas da nosa Diocese, pola súa fidelidade e polo seu testemuño de esperanza no medio das dificultades nas que viven. En particular, agradecemos o esforzo —di o P. Alfredo García, delegado episcopal para a Vida Consagrada—, que algúns dos mosteiros están a facer ao incorporar novas irmás, para así seguir sendo presenza viva da vida contemplativa na nosa diocese de Tui-Vigo.

A comunidade de Beneditinas de Trasmañó  celebrou, o pasado ano, o 40 aniversario   da súa presenza en Redondela, onde se trasladaron en 1984. Desde o pasado verán de 2024,  reabriron o servizo de hospedería do mosteiro.

Na diocese de Tui-Vigo, viven 35 monxas de vida contemplativa presentes en 6 mosteiros de clausura.  Hai tamén   237 consagrados e consagradas de vida activa pertencentes a 36 congregacións distribuídas en 44 comunidades dedicadas principalmente ao  ensino, atención de maiores e diversos labores apostólicos; hai   tamén 15 consagradas de 2 institutos seculares. Estas 237 persoas manifestaron en todo tempo unha exemplar dedicación e entrega á súa vocación particular.

Cada ano, coincidindo coa festa da Santísima Trindade, a Igrexa en España celebra a Xornada Pro Orantibus para orar por aqueles que oran continuamente por nós e polo aumento de vocacións a este estilo de vida. Ao mesmo tempo constitúe unha invitación para renovar o compromiso contemplativo da vocación eclesial de todo o Pobo de Deus. Tal e como expresaba Bieito XVI, «estes lugares, aparentemente inútiles, son os “pulmóns” verdes dunha cidade: fan ben a todos, mesmo aos que non os frecuentan e talvez ignoran a súa existencia».