20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

As Calasancias celebran o centenario do falecemento do seu fundador

As Calasancias celebran o centenario do falecemento do seu fundador
FOTO.- Padre Faustino Míguez, fundador del Instituto Calasancio Hijas de la Divina Pastora

O venres 14 de marzo, ás 18.00 horas, na capela do colexio Padre Míguez de Vigo, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía de acción de grazas, con motivo do centenario do falecemento do padre Faustino Míguez, fundador do Instituto Calasancio Fillas da Divina Pastora. Desde o pasado 8 de marzo, día no que se celebra esta efeméride, o está a organizar unha serie de actividades con toda a comunidade educativa para profundar nas diferentes facetas do padre Faustino, como científico, misioneiro, mestre, fundador e santo.

O padre Faustino Míguez, natural de Ourense, realizou a profesión de votos solemnes como relixioso escolapio, o 16 de xaneiro de 1853 e, tres anos máis tarde, o 8 de marzo de 1856, na parroquia de San Marcos de Madrid, foi ordenado sacerdote. En 1857 foi destinado a Guanabacoa (Cuba), onde se manifestaron os seus dotes de educador e as súas inclinacións á botánica e ao estudo das propiedades terapéuticas das plantas.

En 1860 foi trasladado de novo á Península e destinado sucesivamente a San Fernando, Xetafe, Celanova e Sanlúcar de Barrameda. Posteriormente, foi enviado a Monforte de Lemos como reitor e, en 1879, a Sanlúcar de Barrameda, onde descubriu a necesidade de formación das nenas salúquenas, como anos antes ocorríalle a Calasanz cos nenos das rúas de Roma. Así, impulsado polo Espírito, iniciou unha nova obra, a Congregación de Fillas da Divina Pastora, dedicada á educación integral da infancia e mocidade e á promoción da muller.

Finalmente, en 1888 foi trasladado a Xetafe, onde permaneceu ata a súa morte, o 8 de marzo de 1925.