8 de Marzo de 2026,
San Juan de Dios

As campás de Reboreda  volven repenicar

As campás de Reboreda  volven repenicar
FOTO.- Torre-campanario restaurado de la parroquia de Santa María de Reboreda

As tres campás do campanario barroco da parroquia de Santa María de Reboreda  volven repenicar  con forza; un son que nin fregueses nin veciños escoitaban desde o 8 de marzo de 2022, debido ás desfeitas provocadas polo impacto dun raio. Tras tres anos de ardua restauración, onte, 5 de agosto, as campás volveron funcionar, coincidindo co inicio da novena en honra á virxe María, patroa do templo, pois, desde as 17.00 horas, a asociación cultural «Campaneiros de Galicia» ofreceu un taller de toques de campás, seguido do repenique e volteo de campás para a novena.

O acto de inauguración contou coa asistencia de diferentes representantes da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e do Concello de Redondela, así como o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín Valdés, que, ás 20:30horas, presidiu a eucaristía coa que inicia a novena na honra á patroa da parroquia. Tamén estiveron presentes todas as persoas que traballaron e colaboraron na restauración e reconstrución da torre-campanario da igrexa de Reboreda .

Durante o acto, o párroco, José Carlos Rodríguez, rememorou o sucedido aquel 8 de marzo de 2022, ás 07.05 horas: «enmudecín cando unha bóla de luz invadiu o espazo da igrexa e un ruído de golpes fíxose interminable». Entón, desde a xanela, observou que faltaba a cúpula do campanario. Un raio provocara a caída de máis de cen bloques de pedra, afectando o tellado do campanario e á balaustrada do campanario; aínda que as campás permaneceron intactas. 

Jose Carlos lembrou que «foi un día moi longo, chamadas e máis chamadas: protección civil, bispado, grúa, arquitecto, seguro, persoas da parroquia… Algo que só se produce na situación do extraordinario». Así, comezaba o proceso de restauración e reconstrución da torre-campanario, un ben cultural que, como definiu o párroco, «é patrimonio común por encima de credos relixiosos e ideas políticas; un ben que está aquí contemplándonos desde hai máis de 300 anos, acompañándonos nos avatares da nosa historia parroquial, persoal-familiar, na do propio concello e, por amplitude, na nosa Galicia».

A diocese tamén agradeceu a colaboración de todas as persoas involucradas no proceso de reconstrución da obra, resaltando especialmente o investimento realizado pola Xunta de Galicia que ascendeu a 343.463,50 euros, «sen os cales sería imposible finalizar a obra», destacaron desde a Vigairía de Economía da diocese. Ademais da contía achegada pola institución autonómica, a parroquia e o bispado investiron 120.000 euros para o descombro, a recuperación da electricidade e da megafonía, entre outros gastos. En total, a obra supuxo un montante de máis de 460.000 euros.

Baixo a dirección do mestre canteiro Pelayo Alfaya, en 2022, iniciouse o proceso de restauración: a recolocación no chan dos bloques e a súa clasificación para avaliar o estado de conservación. Durante o verán dese ano, realizouse un premontaxe a tamaño natural no atrio, embarcándose nun complexo crebacabezas de máis de 22 toneladas de pedra, integrando bloques recuperados e dez novas pezas.

A igrexa barroca de Santa María de Reboreda , construída no século XVII, consta de tres campás: a maior, de 90 cm de diámetro e 423 kg de peso, foi fundida en 1997 por Abel Portilla, en Cantabria; a mediana, de 72 cm de diámetro e 217 kg de peso, e a pequena, de 52 cm de diámetro e 82 kg de peso, foron fundidas en 1962 pola «Casa Cabrillo» en Salamanca.