As crises de parella, o dano que exercer a pornografía e a atención ás familias migrantes serán os temas principais do VI Encontro de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia, que se desenvolverá no mosteiro beneditino de San Xoán de Poio (Pontevedra), o 17 e 18 de outubro, baixo o lema «Poñamos os pés na terra».
O encontro, organizado polas delegacións de Pastoral Familiar das cinco dioceses galegas, diríxese aos axentes de pastoral implicados nos distintos ámbitos da pastoral familiar, pero tamén aos pais de familia e todas aquelas persoas que se sentan chamadas a concretar a súa fe traballando neste amplo campo.
A inscrición do encontro ten un custo de 85 euros por persoa ou de 150 euros por matrimonio. As persoas interesadas en solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición poden chamar ao número de teléfono: 665 075 300 (Ángela) ou 645 130 485 (Leandro).
Con carácter anual, as delegacións de Pastoral Familiar de Galicia organizan un encontro de formación para fortalecer o traballo en rede entre as distintas Igrexas locais e compartir as principais dificultades e retos do seu labor cotián neste ámbito pastoral. Ademais, este encontro responde a un dos obxectivos específicos da Pastoral Familiar de Tui-Vigo para o curso 2025-2026: promover o encontro e a formación dos axentes de pastoral familiar.
Sobre o programa das xornadas
Durante a xornada do sábado, a avogada, mediadora, coach familiar e directora do Instituto Coincidir, Mercedes Honrubia García da Noceda, proporcionará pistas e exemplos prácticos para acompañar aos matrimonios en dificultases. O Instituto Coincidir é unha entidade que se dedica á orientación, acompañamento persoal e familiar e á resolución de conflitos no matrimonio.
Tamén se prestará especial atención ao drama que hoxe supón a invasión da pornografía e o dano psicolóxico e emocional que está a causar en nenos, adolescentes e adultos. Sobre os seus efectos nocivos disertará Blanca Elía, mestra, psicopedagoga e asesora familiar, presidente da asociación «Dale una vuelta», unha organización que ofrece recursos, axuda e acompañamento online para superar a adicción ou o consumo problemático da pornografía. Conta cunha gran experiencia na análise dos riscos do consumo de porno e na promoción dunha sexualidade sa e respectuosa coa dignidade das persoas.
O domingo pola mañá, expertos do Programa de Familia e infancia da Cáritas Diocesana de Tui-Vigo propoñerán un catálogo de boas prácticas para a detección e o acompañamento dos matrimonios en crises. Tamén se prestará atención ao reto que supón integrar ás familias migrantes, unha realidade cada día máis presente en Galicia. En especial, como atender o duelo migratorio, unha dura experiencia emocional que mestura tristeza, ansiedade e confusión e que necesita ser acompañada. Trátase de minimizar a dor que viven os emigrantes pola despedida dos seus seres queridos, a perda que iso supón e os cambios extremos que implica deixar a propia patria para vivir nun país alleo.
Durante as xornadas tamén haberá momentos para a oración e a posta en común das experiencias que acheguen os asistentes. O encontro clausurarase o domingo cunha eucaristía que estará presidida polo bispo de Tui Vigo, monseñor Antonio Valín.