O mércores 17 de setembro, nas oficinas da Curia, os responsables das diferentes delegacións pastorais da diocese de Tui-Vigo reuníronse para establecer o calendario do curso 2025-2026, así como explicar as principais liñas de acción pastoral para os próximos meses. A esta reunión tamén acudiu o bispo tudense, monseñor Antonio Valín Valdés, que agradeceu o traballo que todas e cada unha das delegacións veñen desenvolvendo nas diferentes áreas da pastoral diocesana.
Cada ano, a diocese de Tui-Vigo presenta o Plan Pastoral que establece e define as principais liñas de acción da Igrexa diocesana, durante todo o curso. Nun comunicado enviado pola Vigairía de Pastoral, o obxectivo deste ano «facer un retrato actual da nosa vida diocesana, da nosa realidade pastoral e das nosas expectativas eclesiais». Para iso, un equipo de traballo impulsado polo bispo elaborou unha serie de cuestionarios que serán enviados xunto coa programación pastoral.
Na mensaxe publicada con motivo do seu aniversario episcopal, monseñor Antonio Valín afirmaba que «temos moito retos, imos iniciar un traballo para coñecer ben a nosa realidade, como estamos, cales son as nosas forzas, fortalezas e debilidades, tamén as oportunidades… Así partindo da realidade poderemos planificar, todos, os camiños polos que camiñar no futuro na diocese. Supoñerá cambios, acoller iniciativas novas, deixar outras que xa deron de si todo o que podían… En definitiva, supoñerá vivir —si, vivir!— con ilusión e moito ánimo».

