O 25 e 26 de outubro, a congregación de Irmás Dominicas da Anunciata organizou unha serie de actos para celebrar o 50 aniversario da súa presenza na diocese de Tui-Vigo: unha mesa redonda na que se fixo memoria agradecida destas cinco décadas de presenza das Dominicas e unha eucaristía en agradecemento por todo o labor realizado durante este tempo. Ambas as celebracións tiveron lugar na parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo, no barrio de Coia.
A mesa redonda contou coa presenza da priora xeral das Dominicas da Anunciata, natural de Vigo. Tamén participaron diversos representantes da CONFER de Tui-Vigo, comunidades de laicos e plataformas como Grupo Iman, Sereos, Sen Teito ou a asociación de mulleres Dorna, entre outros. Durante a xornada, os diferentes grupos destacaron a axuda fraterna e as melloras conseguidas en favor dos máis necesitados, grazas á colaboración das Dominicas, conxuntamente coa Orde de Predicadores (Dominicos). Moito dos asistentes tamén tomaron a palabra corroborando co seu testemuño a entrega xenerosa, o amor e a admiración cara ás irmás.
O domingo, ás 12.30 horas, o sacerdote dominico e párroco do Cristo da Vitoria, Juan Antonio Terrón, presidiu a eucaristía de acción de grazas. A continuación, ambas as comunidades relixiosas —Dominicas da Anunciata e Orde de Predicadores— compartiron unha comida de confraternización.
Baixo o lema «Anunciar a mensaxe de salvación a todos, especialmente á nenez e mocidade a través da educación», a Congregación de Irmás Dominicas da Anunciata nace como resposta ás necesidades dun momento histórico, a mediados do século XIX. Francisco Coll, dominico, conforme á Orde de Predicadores, e exclaustrado a causa da lexislación aprobada polo Goberno da nación, dedicouse a evanxelizar os pobos e viu que unha das principais causas da corrupción de costumes era a ignorancia, especialmente da doutrina cristiá.
Por outra banda, había visto que mulleres novas desexaban vivir consagradas a Deus e cooperar ao ben do próximo, pero a carencia de medios impedíalles entrar nas Congregacións existentes. Francisco Coll, emprendeu a ardua tarefa de traballar para emendar estas lagoas descubertas na predicación.

