Coincidindo coa celebración da memoria litúrxica de san Vicente de Paúl, fundador da congregación relixiosa das Fillas da Caridade, o 27 de setembro, a comunidade vicenciana de Tui recibiu a visita do bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés. Durante a xornada, o prelado compartiu un intre de confraternización coa comunidade e presidiu a eucaristía na capela da Casa da Milagrosa en Tui, que pertence ás Fillas da Caridade.
En 1868, as Fillas da Caridade chegaron á diocese de Tui-Vigo para fundar o «Fogar San Xosé», cuxo obxectivo principal era coidar e instruír aos nenos pobres, orfos ou desamparados —obra que, desde 2019, continúa grazas a Fundación Casa Caridade de Vigo, encargada tamén de xestionar o Comedor da Esperanza, anteriormente da familia vicenciana—. Máis tarde, en 1903, creará o colexio Neno Xesús de Praga tamén en Vigo que, na actualidade, ofrece formación en Educación Infantil, Primaria e Secundaria. En 1908, comezaron coa cociña económica na Casa da Milagrosa en Tui; seis meses máis tarde abriron un centro docente que perdurou ata o ano 2004.
A compañía das Fillas da Caridade fundouse en 1633 baixo a guía de san Vicente de Paúl e santa Luisa de Marillac. O seu carisma baséase en servir a Xesucristo na persoa dos pobres e marxinados en espírito de humildade, sinxeleza e caridade.