O martes 3 de decembro, a congregación de Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción celebrou unha eucaristía de acción de grazas na capela da Residencia Paz e Ben, con motivo da solemnidade da beata madre María Clara do Neno Xesús, fundadora da congregación. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a celebración e agradeceu o labor das irmás que, ao longo de máis dun século na diocese, atenderon tanto aos máis necesitados como aos sacerdotes.
Na actualidade, baixo o lema «Onde haxa un ben que facer, fágase!», a comunidade de Tui testemuña o carisma na atención a máis de 70 anciáns que viven na súa residencia. Ademais, o sábado 30 de novembro, a congregación Hospitaleira, de fundación portuguesa, clausurou o xubileu do 125 aniversario do falecemento da súa fundadora, a beata madre María Clara, cuxo milagre para subir aos altares produciuse na nosa diocese, no ano 2003 en Baiona.