23 de Abril de 2025,
San Jorge

As Salesas acollen a celebración da Xornada Pro Orantibus en Vigo

As Salesas acollen a celebración da Xornada Pro Orantibus en Vigo

O domingo 26 de maio, ás 19.00 horas, o mosteiro da Visitación das  irmás Salesas en Vigo acolle o encontro de oración que organiza a delegación para a Vida Consagrada da diocese de Tui-Vigo para celebrar a Xornada Pro Orantibus baixo o lema «Contemplando o teu rostro, aprendemos a dicir: “Fágase a túa vontade!”». Desde o pasado mes de novembro, o mosteiro vigués, obra de Antonio Palacios, conta cunha renovada comunidade grazas a catro irmás que se trasladaron de Lugo a Teis , para rexuvenecer a vida do convento, presenten na cidade olívica desde o ano 1927.

O padre Alfredo García, cmf, delegado para a Vida Consagrada de Tui-Vigo, expresa que a xornada «ofrece a oportunidade de dar grazas a deus polos seis mosteiros de contemplativas da nosa Diocese, pola súa fidelidade e polo seu testemuño de esperanza no medio das dificultades nas que viven. En particular, agradecemos o esforzo que algúns dos mosteiros están a facer incorporando novas irmás, para así seguir sendo presenza viva da vida contemplativa na nosa diocese de Tui-Vigo».

Cada ano, coincidindo coa festa da Santísima Trindade, a Igrexa en España celebra a Xornada Pro Orantibus para orar por aqueles que oran continuamente e polo aumento de vocacións a este estilo de vida. Ao mesmo tempo constitúe unha invitación para renovar o compromiso contemplativo da vocación eclesial de todo o Pobo de Dios. Tal e como expresaba Bieito XVI, «estes lugares, aparentemente inútiles, son os “pulmón” verdes dunha cidade: fan ben a todos, mesmo aos que non os frecuentan e talvez ignoran a súa existencia».