As monxas da Orde da Visitación de Santa María, as Salesas, conmemoran cen anos da fundación do seu mosteiro na cidade olívica. A eucaristía de apertura deste centenario, que estará presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, levarase a cabo o xoves, 24 de setembro, ás 18.00 horas na igrexa conventual situada no barrio de Teis .
Na actualidade, o mosteiro da Visitación de Santa María conta con sete monxas. Trátase do único mosteiro de clausura —dos cinco que hai no territorio diocesano— situado na cidade de Vigo.
En 1927, as irmás Salesas chegaron a Vigo, converténdose nunha lámpada acesa ante Deus: lugar de adoración, silencio fraternidade e entrega. O actual mosteiro da Visitación das Salesas Reais, situado no barrio da Calzada de Teis , foi proxectado en 1942 polo arquitecto porriñés Antonio Palacios, que emprego granito para a construción do edificio. A utilización —na parte exterior— das pedras tal como saen das canteiras, sen puír, confire á fachada un aspecto rústico, reforzado coa presenza de contrafortes nos muros exteriores.
A Orde da Visitación de Santa María naceu en Annecy , Francia, o 6 de xuño de 1610, fundada por san Francisco de Sales e santa Xoana Francisca de Chantal. Desde os seus primeiros anos estendeuse polo país galo e despois chegou a España, onde a Orde conservou unha presenza viva en diversos mosteiros.
