Este ano, tamén celebran 90 anos de presenza na cidade olívica, a través do colexio San Xosé da Guía
Coincidindo co nacemento de santa Bonifiacia, fundadora da congregación das Servas de San Xosé, o xoves 6 de xuño, ás 20 horas, no templo parroquial da Nosa Señora das Neves en Vigo, a comunidade das «xosefinas» celebra unha eucaristía de acción de grazas con motivo do 150 aniversario da fundación da congregación. A eucaristía estará presidida polo bispo e administrador apostólico, Mons. Luís Quinteiro.
Isabel Hiebra, serva de san de Xosé, explica que a comunidade en Vigo está a vivir este acontecemento «con ilusión, con alegría e con agradecemento. Con ilusión porque é facer memoria de aquilo que deu orixe á nosa congregación; e con agradecemento porque son 150 anos de presenza do carisma das Servas de San Xosé en todo o mundo e, en Vigo, 90 anos».
Esta efeméride tamén se está celebrando coa comunidade educativa do colexio San Xosé, que a vive «como un ano de graza», no que se está dando a coñecer de maneira especial o carisma e os fundadores da congregación. A irmá Isabel conta que o día de san Xosé celebraron unha eucaristía na que participaron os nenos que «deron grazas porque eles tamén forman parte deste proxecto».
Agora, 90 anos despois da súa chegada á cidade olívica, perciben que «hai habido un impacto importante no barrio de promoción e de atención á persoa, de proximidade, de proximidade e, nunha publicación recente de Aquí Teis. Xornal do barrio, o que din é que sempre se sentiron como na casa: acollidos nunha vida e nun ambiente familiar, sinxelo, que é o noso talante e o noso estilo de vida. Foi un espazo de compartir, un fogar, unha familia», expresa a irmá Isabel.
Breve historia da congregación das Servas de San Xosé
A congregación das Servas de San Xosé nace en Salamanca, o 10 de xaneiro de 1874, da man de Bonifacia Rodríguez e Francisco Butinyà i Hospital, no taller de Bonifacia para a promoción e evanxelización da muller traballadora, nun momento en que as opcións laborais para as mulleres eran moi limitadas e cheas de dificultades.
O traballo convértese así nun elemento constitutivo da misión para realizar polas mulleres que van entrando a formar parte do taller. Desde a experiencia crente, a oración faise compañeira de camiño do traballo e, irmandados, búscase dar sentido ao esforzo diario e dignidade ao espazo laboral.