Entre o 22 e o 23 de setembro, o mosteiro de San Xoán de Poio acolleu a Asemblea anual de CONFER Galicia, que reuniu a relixiosas, relixiosos, superiores/as maiores e aos cinco bispos da comunidade autónoma. Esta edición cobrou un significado especial ao conmemorarse os 50 anos de vida de CONFER Galicia, medio século de presenza, servizo e comuñón entre as diversas congregacións relixiosas que desenvolven a súa misión no territorio galego.
A Xornada comezou o luns 22 cunha mesa redonda sobre os «50 anos de CONFER Galicia», a cargo de Pilar Wirtz (Compañía de María), Mª Luz Galván (RSCJ) e José González (Franciscano). Este percorrido histórico permitiu facer memoria do camiño realizado, as claves pastorais e os desafíos afrontados pola vida relixiosa galega durante as últimas décadas.
Tras a comida celebrouse a Asemblea Xeral Anual, que incluíu a presentación da memoria xeral de CONFER Galicia, así como os informes diocesanos e económicos.
Encontro de bispos e superiores/as maiores
O martes 23, celebrouse a Asemblea dos bispos e superiores/as maiores de Galicia, no que se realizou unha mesa redonda sobre os «Retos de futuro da Vida Relixiosa en Galicia», moderada por Fernando Gálligo (xesuíta), Miguel da Mata (franciscano) e Chus Ferreiro (Filla da Caridade). Ao finalizar, houbo espazo para o diálogo aberto cos relatores e os bispos, durante o que se abordaron as luces e sombras do presente, así como as liñas de acción para o porvir da vida consagrada no contexto galego.