Con motivo da Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores, convocada baixo o lema «Na vellez non me abandones», o sábado 27 de xullo, no templo parroquial da Nosa Señora do Rocío, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, presidiu a eucaristía na que lembrou que, no contexto desta Xornada, «o papa convídanos a valorar, agradecer e rezar polos nosos avós e maiores, porque son un tesouro de experiencia e un espello no que mirarnos á hora de enfrontarnos á vida». Ao termo da celebración, que contou coa participación do coro rociero, o grupo de sevillanas da parroquia interpretou tres bailes na honra á Branca Pomba, pedindo por avós e maiores.
Na sociedade actual, marcada polo rapidez, a urxencia e a produtividade, ou como diría o papa Francisco, nunha «cultura do descarte», o bispo de Tui-Vigo subliñou que «como Igrexa, como fillos e fillas de Deus, como comunidade cristiá, non podemos dicir que unha persoa é unha carga. Cada persoa é un agasallo de Deus, sexa no momento que sexa, con poucos ou moitos anos, en plenitude de vida ou na debilidade. Todos temos algo que aportar. Todos valemos, porque somos fillos e fillas moi amados de Deus e iso nunca o podemos esquecer». Así, ao fío do Evanxeo que narraba o milagre da multiplicación dos pans e os peixes, Mons. Antonio Valín expresou que «cando un maior comparte todo o que é, todo o que viviu, todo o que leva no seu interior, prodúcese tamén un milagre, porque nos vai construíndo doutra maneira, vai cambiándonos o corazón e fainos máis fraternos».
O prelado finalizaba a súa intervención cun desexo: «bendigamos hoxe ao Señor, porque nos convida a vivir a fraternidade. Bendigamos aos nosos maiores, porque eles teñen esa experiencia de vida que nos fai entender mellor a Deus, ao mundo e a nós mesmos. Bendigamos ao Señor por cada un de nós que queremos levar adiante ese milagre: o do compartir, o de achegarnos a todos e vivir aquilo que nos dixo Xesús».
Esta celebración, organizada pola delegación diocesana de Pastoral Familiar, foi tamén unha oportunidade para que o bispo puidese coñecer a diferentes axentes de pastoral que, ao longo de todo o ano, acompañan matrimonios e familias, colaboran na organización de diferentes xornadas relacionadas con este ámbito, imparten cursos prematrimoniais ou participan na posta en marcha de iniciativas de nova evanxelización como Ceas Alpha para parellas.