15 de Maio de 2026,
San Isidro Labrador

Axentes de Pastoral Familiar de Galicia fórmanse en novos métodos de acompañamento

Axentes de Pastoral Familiar de Galicia fórmanse en novos métodos de acompañamento
FOTO.- Participantes en el Encuentro interdiocesano de Pastoral Familiar, junto al obispo de Tui-Vigo | © Leandro Rivero

Durante a fin de semana do 19 e 20 de outubro, medio centenar de axentes de Pastoral Familiar de Galicia acudiron ao mosteiro de San Xoán de Poio, para manter o seu encontro anual de formación que, nesta ocasión, impartiu o vigués Fernando Vidal, doutor en socioloxía e profesor da Universidade Pontificia de Comillas, onde dirixe o Instituto da Familia; durante a fin de semana, presentou as diferentes metodoloxías que desenvolveron a través desta institución. Tamén asistiron, en diferentes momentos das xornadas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, o prelado mindoniense, Mons. Fernando G. Cadiñanos e o vigairo de Pastoral da arquidiocese compostelá, Javier Porro.

O profesor Fernando Vidal debuxou, a grandes liñas, a situación actual que viven as familias no medio da sociedade e as principais dificultades que afronta a Igrexa na súa tarefa evanxelizadora. Así, subliñou a necesidade crear un tecido relacional en parroquias, delegacións e demais movementos eclesiais, desenvolver unha cultura narrativa que ensine a habitar as historias bíblicas ou activar e capacitar ás familias, entre outras cuestións. Tamén, insistiu na importancia de buscar  ferramentas universais —para todos, crentes ou non crentes—, gratuítas e baseadas en novas pedagoxías, como poden ser «O reloxo das familias», «O reloxo dos noivos» ou «O reloxo da vida» —métodos sobre os que se puido profundar durante a fin de semana—.

O sábado pola mañá, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, asistiu tamén á formación no mosteiro pontevedrés. Ao final da formación inicial, o prelado tudense expresou que «seguimos a Cristo porque nos descubrimos amados e desexamos amar»; por iso, o matrimonio, como resposta de amor a un camiño de amor, é a vocación matriz e o seu fundamento [o amor] constitúe a raíz de todas as demais vocacións.

O domingo, o matrimonio formado por Tucho  e María contou a súa experiencia tras realizar «O reloxo da vida», que os levou a acompañar a outras familias interesadas en sumarse tamén a esta iniciativa e a «O reloxo da vida», na cidade da Coruña, onde residen. Eles, acompañados de Fernando Vidal, foron os encargados de dirixir unha pequena dinámica incluída no método «O reloxo das familias».

O encontro finalizou coa celebración da eucaristía presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Fernando G. Cadiñanos, e concelebrada polo vigairo de Pastoral de Santiago de Compostela, Javier Porro. Durante a súa intervención, o prelado mindoniense destacou o servizo como unha actitude fundamental nas relacións familiares, para poder así fermentar o mundo coa alegría do Evanxeo da que fala o papa Francisco no seu exhortación apostólica Amoris Laetitia

Con carácter anual, as delegacións de Pastoral Familiar de Galicia organizan un encontro de formación para fortalecer o traballo en rede entre as distintas Igrexas locais e compartir as principais dificultades e retos do traballo cotián neste ámbito pastoral. Ademais, este encontro responde a un dos obxectivos específicos da Pastoral Familiar de Tui-Vigo para o curso 2024-2025: promover o encontro e a formación dos axentes de pastoral familiar.

Encuentro interdiocesano de Pastoral Familiar 2024 | © Leandro Rivero
« de 21 »