17 de Maio de 2026,
San Pascual Bailón

Axentes de Pastoral Familiar de Galicia formáronse para ser «testemuñas de esperanza»

Axentes de Pastoral Familiar de Galicia formáronse para ser «testemuñas de esperanza»
FOTO.- Participantes en el Encuentro de Pastoral Familiar de Galicia | © Leandro Rivero

Baixo o lema «A familia, fonte de esperanza», a casa diocesana de exercicios espirituais, «Via Lucis» en Santiago de Compostela acolleu, entre o 18 e o 19 de outubro, o Encontro de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia. A atención ás persoas maiores, ás familias de persoas privadas de liberdade ou a aquelas que conviven coa enfermidade do alcoholismo, así como o acompañamento de noivos foron os temas que centraron o encontro. O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acudiu ao encontro o domingo para agradecer o labor de todos aqueles implicados na Pastoral Familiar da comunidade autónoma.

O sacerdote da diocese de Tui-Vigo e formador do Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago», Ángel Carnicero Carrera, foi o encargado de inaugurar estas xornadas de formación cun relatorio titulado «Exercitarnos na esperanza». A través de diferentes imaxes, textos bíblicos e testemuños, convidou os asistentes a identificar os diferentes signos de esperanza e desesperanza que se poden atopar a nivel persoal, matrimonial, familiar, eclesial e social, pero tamén incidiu na importancia de identificar actitudes, disposicións, compromisos, ámbitos, prioridades e accións que axuden a ser testemuñas de esperanza hoxe.  

Álvaro Medina del Campo, director de Pastoral do Maior da diocese de Xetafe e ex-presidente nacional de Vida Ascendente, abordou o tema da pastoral dos maiores. Durante a súa intervención, presentou o «Plan Rut», unha iniciativa que ten como obxectivo acompañar ás persoas maiores que están soas nas residencias, e o proxecto «O amigo chámate», que busca paliar a soidade os maiores que viven sós.

Pola tarde, Rodrigo Jesús Carcedo González, profesor titular do departamento de Psicoloxía Evolutiva da Educación da Universidade de Salamanca e director do servizo HIPRIFAM (Servizo de Atención Psicolóxica a Fillos de Persoas en prisión e as súas Familias), ofreceu algunhas claves para o acompañamento de familias de persoas privadas de liberdade. A asociación «Al-Anon», presente na Coruña, Santiago e Vigo, presentou o seu traballo de apoio ás familias que conviven con persoas afectadas pola enfermidade do alcoholismo, concluíndo así a formación da xornada do sábado.

O domingo, o matrimonio da diocese de Tui-Vigo, Ángela Rosa Romero e Leandro Rivero, presentaron o proxecto «EnREDaDos» para o acompañamento de parellas non casadas sacramentalmente. Partindo dun novo estilo e de novas estratexias de linguaxes, a iniciativa ofrece unha axuda valiosa e actual para colaborar como Igrexa cunha Pastoral Familiar cada vez máis eficaz, na que as parellas poidan sentir a vida un pouco máis humana.

Tamén durante a mañá do domingo, o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, fíxose  presente neste encontro de formación, compartindo un momento de proximidade e alento cos axentes de pastoral familiar de Galicia. A súa visita foi recibida con gratitude polos participantes, que valoraron as súas palabras de ánimo e o seu compromiso coa realidade das familias galegas.

Durante a súa intervención, monseñor Prieto destacou que a familia é o lugar orixinario da esperanza, o primeiro espazo onde se aprende a esperar: esperar ao outro, confiar, acompañar os procesos con paciencia e a crer no futuro, mesmo no medio da fraxilidade. Así, o arcebispo lembrou as palabras do papa Francisco nas que o pontífice definía a a familia como o taller onde se forxa a alma dun pobo.

En relación co Ano Xubilar que a Igrexa está a celebrar baixo o lema «Peregrinos de esperanza», o prelado compostelán subliñou que o Xubileu se concreta na renovación dos vínculos interpersoais, na reconciliación e na curación das feridas, no redescubrir a alegría de estar xuntos. Por iso, expresou monseñor Francisco José, a familia preséntase como escola de esperanza para o mundo, unha realidade na que, nunha sociedade marcada pola soidade e o individualismo, o amor cotián convértese en signo profético da esperanza. O arcebispo concluíu declarando que, baixo a mirada de María, nai da esperanza, cada familia pode redescubrir a súa vocación de ser fogar onde Deus habita.

Ao longo de toda a fin de semana, preto de oitenta persoas asistiron a estas xornadas no que, ademais de formarse para poder acompañar mellor ás familias nas súas diferentes situacións, tiveron a oportunidade de gozar de momentos de fraternidade e oración. O encontro finalizou coa eucaristía dominical presidida polo sacerdote franciscano, Miguel da Mata.

Con carácter anual, as delegacións de Pastoral Familiar de Galicia organizan un encontro de formación para fortalecer o traballo en rede entre as distintas Igrexas locais e compartir as principais dificultades e retos do seu labor cotián neste ámbito pastoral. Ademais, este encontro responde a un dos obxectivos específicos da Pastoral Familiar de Tui-Vigo para o curso 2025-2026: promover o encontro e a formación dos axentes de pastoral familiar.

Encuentro de Agentes de Pastoral Familiar de Galicia (2025) | © Leandro Rivero
Participantes en el Encuentro de Pastoral Familiar de Galicia
« de 24 »