Tras a participación no Congreso nacional de Vocacións, celebrado en Madrid entre o 7 e o 9 de febreiro, a delegación de Pastoral Vocacional da diocese de Tui-Vigo organizou un encontro para axentes de pastoral, un «post-congreso» diocesano, o pasado sábado 20 de maio, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo. O encontro ofreceu un espazo para reflexionar sobre a necesaria transformación da cultura vocacional da diocese, seguindo os froitos do Congreso nacional, convocado baixo o lema «Para quen son? Asemblea de chamados para a misión».
A xornada comezou na capela do Seminario, para brindar a oportunidade de gozar dun momento de encontro persoal con Deus e encomendar os froitos do traballo desa mañá. Finalizado o intre de oración, os asistentes dirixíronse ao salón de actos, para rememorar o percorrido realizado: o encontro diocesano previo, «pre-congreso», no mes de decembro, e o congreso nacional, en febreiro. O delegado de Pastoral Vocacional, Ángel Carnicero, expuxo, a través dun breve vídeo, algunhas das conclusións elaboradas polo Servizo de Pastoral Vocacional da Conferencia Episcopal Española.
O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que asistiu a este encontro e acompañou á delegación diocesana ao Congreso nacional de Vocacións, compartiu cos asistentes os seus mellores momentos do evento en Madrid. Nesta liña, definiu o congreso como «un encontro de Igrexa, unha experiencia boa que espero que poida dar moito froito aquí».
O matrimonio formado por, Juan José Lombardeo e Sonsolos Sanmartín, así como a moza universitaria, Ana Luisa Dacosta, compartiron a súa experiencia no congreso nacional. En total, vinte e dúas persoas da diocese de Tui-Vigo tiveron a oportunidade de asistir ao encontro en Madrid. Posteriormente, os asistentes dividíronse en grupos para reflexionar acerca da necesaria renovación da cultura vocacional da diocese; as conclusións de cada un destes grupos foron recompiladas para elaborar unha síntese que será enviada á Conferencia Episcopal Española.
Este encontro diocesano sobre vocacións ofreceu espazos de oración e de reflexión, para sentirse parte da «asemblea dos chamados á misión» da diocese de Tui-Vigo; unha asemblea que, seguindo o estilo sinodal do papa Francisco, poida construír unha Igrexa capaz de regresar á súa vocación primeira: anunciar a beleza do amor de Deus, cara a cada persoa.
A xornada cumpriu tamén a primeira proposta das conclusións do Congreso nacional de Vocacións: «un encontro post-congreso no ámbito da Igrexa local co bispo á fronte, convocando ás diferentes realidades eclesiais para pensar como transmitir vivir no congreso, para dar forma ao servizo diocesano de pastoral e para definir os seus primeiros pasos despois do congreso».