O sábado 12 de novembro, o sacerdote Jesús García Lourido tomou posesión do seu novo cargo como párroco de San Vicente de Barrantes, Santa María de Pinzás , San Salvador de Piñeiro e San Salvador de Sobrada. O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a celebración que tivo lugar no templo parroquial de Barrantes.
Desde de fai máis dun ano, estas catro parroquias do concello de Tomiño estiveron á espera dun novo pastor que atenda a comunidade. Ana María Vicente, freguesa de Barrantes, expresou que «foi unha incerteza pensar que poderiamos quedarnos sen párroco, pero estivemos ben atendidos polos sacerdotes de Figueiró e de Tomiño». O 30 de setembro publicábase a noticia do novo nomeamento que, tal e como expresa Ana, a parroquia acolleu «cunha alegría inmensa, con moita ilusión e con certa tranquilidade. É un mozo novo e oxalá nos dure outros 50 anos como case nos durou don Cándido»
Jesús García recibiu o ministerio sacerdotal en 2021 e, agora, por primeira vez, enfróntase ao reto de ser párroco e expresa que «síntome afortunado de ter a oportunidade de prepararme ao longo destes dous anos servindo á comunidade de Santiago o Maior de Vigo». Ante esta nova tarefa, Jesús séntese «moi feliz e disposto a servir a estas comunidades e a todos os fieis que nelas viven». Na súa toma de posesión, declarou que «estou aquí no medio de vós para servir ao estilo de Jesús e encantaríame coñecer a cada persoa polo seu nome».
Jesús García Lourido foi ordenado en 2021 e, desde entón, desempeñou o seu ministerio sacerdotal como vigairo parroquial de Santiago o Maior de Vigo e como colaborador diocesano da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria. Ademais, estudou o bienio en Teoloxía Fundamental en Santiago de Compostela.