16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Bemjamín Estévez, pregoeiro do Cristo da Vitoria: «A fe que latexa hoxe en Vigo sostén á Igrexa enteira»

Bemjamín Estévez, pregoeiro do Cristo da Vitoria: «A fe que latexa hoxe en Vigo sostén á Igrexa enteira»

O sábado 2 de agosto, ás 12:30 horas, o Museo-Pazo Quiñones de León acolleu, un ano máis, o pregón na honra ao Santísimo Cristo da Vitoria. Ata alí, trasladáronse autoridades civís, militares e eclesiásticas, entre elas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín. Nesta ocasión, a lectura do pregón recaeu no vigués e secretario xeral da Secretaría de Economía do Vaticano, Benjamín Estévez de Cominges. Lembrando estes últimos catro anos de traballo na Santa Sede, «onde conflúen linguas de todos os continentes e un enfróntase cada día ao complexo, o estrutural», Estévez de Cominges  expresou que «o universal dános horizonte, pero o local dános raíces. Sen raíces profundas, a Igrexa non resistiría o vento do mundo. Cada confraría, cada parroquia, cada devoción, é un piar que sostén o corpo enteiro. A fe que latexa hoxe en Vigo —nesta cidade concreta, nesta devoción concreta— sostén á Igrexa enteira».

Durante a benvida, a irmá maior e presidenta da confraría do Santísimo Cristo da Vitoria, Marora Martín-Caloto, agradeceu a participación dos asistentes e, especialmente, transmitiu o seu agradecemento ao predicador da novena, monseñor Luís Quinteiro, ao portador do estandarte da confraría, Fernando Franco, e ao pregoeiro, Benjamín Estévez. Durante a súa intervención, a presidenta pediu ao Cristo do sal «que nos anime a achegarnos a El e a levarlle as nosas alegrías e as nosas penas, as nosas esperanzas e as nosas aflicións, os nosos éxitos e o noso cansazo, que se vinga connosco, faga do noso Cireneo e axúdenos a levar a carga».

pregoeiro, Benjamín Estévez, acompañado polos seus familiares e amigos, resaltou que, «o Cristo da Vitoria non é só unha imaxe sacra. É tamén identidade […]. O Cristo da Vitoria une a xeracións e lémbranos, co seu corpo vencido e os seus ollos pechados nunha cidade que sempre mirou ao mar, que tamén é necesario mirar cara a dentro». Neste sentido, «de ser símbolo de resistencia dunha cidade mariñeira, o Cristo converteuse nun faro espiritual para vigueses que tedes a sorte de vivir aquí, pero tamén para os que emigramos. O Cristo acompáñanos. Únenos».

No contexto de cambio que enfronta a Igrexa universal, tras o falecemento do papa Francisco e a elección do novo pontífice de orixe norteamericana, León XIV, o pregoeiro do Cristo lembrou que «a fe nos ensina que a Providencia non sempre actúa con estrondos, senón con detalles, con resonancias, con sintonías que só se perciben se un está atento. E os que cremos, sabemos que Deus tamén fala a través da historia». Agradecía así o labor escondido de tantas persoas que, ao longo do ano, preparan os diferentes actos da festividade do Cristo da Vitoria. E con especial agarimo, elevou a súa acción de grazas ao Cristo dos vigueses, «porque segues estando aí, ano tras ano. Firme. Sereno. Próximo. Porque nesta talla de madeira hai algo de nós mesmos, dos nosos antepasados e, se Deus quere, haberao tamén dos nosos fillos e os seus descendentes».

Os actos en honra ao Cristo da Vitoria continuarán o domingo 3 de xullo, con misas na concatedral-basílica ao longo de todo o día. Ás 11.00 horas, o bispo de Tui-Vigo presidirá a eucaristía solemne e, pola tarde, ás 19.30 horas, dará comezo a procesión polas principais rúas da cidade, que será retransmitida, en directo, a través da TVG.