Na solemne celebración do Nacemento de Xesús, o Fillo de Deus, o Salvador, hoxe dende a nosa Diocese de Tui-Vigo repetimos as palabras que o anxo dirixiu aos pastores: «Non vos asustedes, tráiovos unha Boa Nova que vai ser unha gran alegría para todo o pobo. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte» (Lc 2, 10-12).
Hoxe, na escuridade da noite, brilla Cristo, a luz verdadeira, o Mesías prometido que nos trae a Paz e a esperanza, como nos fai lembrar o noso Bispo na súa mensaxe para o mes de decembro, “no Nadal celebramos a Vida que dá sentido a toda esperanza”. Celebremos a Vida. Celebremos a Cristo. Levemos a ledicia do Nadal ás nosas casas, comunidades, parroquias e contaxiémola no noso ambiente.
Xesús naceu. Bo Nadal!