Como cada ano, o terceiro domingo de xullo, a parroquia de San Miguel de Bouzas celebrou a festa en honra ao Bo Xesús dos Aflixidos. Nesta ocasión, realizou a ofrenda ao Cristo o maxistrado do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Germán Serrano, durante a eucaristía solemne que presidiu o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.
Na súa intervención, o oferente lembrou a profunda devoción que, xeración tras xeración, mantivo viva esta celebración, agradecendo a constante proximidade de Cristo coas xentes do mar e con quen afronta o sufrimento, a incerteza ou a enfermidade. «Non nos deixes perder o norte, corrixe o noso maltreito compás que esquece de alzar a mirada para atoparche e para atoparnos, para mirar ao outro con ollos de profundidade», expresou Germán Serrano, rememorando as palabras do papa León XIV durante a súa viaxe apostólica a España no mes de xuño.


Así mesmo, elevou unha oración pola paz no mundo, polas familias, os mozos, as persoas máis vulnerables, os traballadores do mar e por todos aqueles que atravesan dificultades, convidando os presentes a converterse tamén eles en instrumentos de coidado, escoita e esperanza para os demais: «que ningún se sinta esquecido e que descubran en Ti a forza para seguir adiante. Ou mellor: transfórmanos a nós para que saibamos coidar, acompañar, dar, mirar e escoitar, e descubrirche no que sofre».
A ofrenda concluíu cunha súplica por Bouzas, por Vigo e por España, confiando a todos á protección do Santísimo Cristo dos Aflixidos e da Virxe do Carme: «Santísimo Cristo dos Aflixidos, recibe a ofrenda deste pobo que te quere, que te venera e que ano tras ano volve prostrarse diante túa para renovar a súa fe».


Durante a homilía en resposta á ofrenda, monseñor Antonio Valín convidou os fieis a contemplar ao Santísimo Cristo dos Aflixidos como refuxio e fonte de esperanza ante as dificultades. A partir das lecturas dominicais, chamou a superar a polarización e a crispación social con paciencia, diálogo e capacidade para tender pontes, lembrando que «na barca, como na vida, salvámonos xuntos ou afundímonos xuntos». Igualmente, animou a que a devoción ao Cristo dos Aflixidos tradúzase en xestos concretos de proximidade, solidariedade e misericordia, facendo de cada cristián un sementador de concordia e esperanza para as familias, as xentes do mar e toda a sociedade.
Para finalizar, o prelado tudense exhortou aos devotos a pedirlle ao Cristo, durante a procesión «a coraxe para non deixarnos arrastrar pola corrente do odio, a indiferenza ou o sectarismo. Que el bendiga aos homes e mulleres de mar. Que nos converta en mariñeiros audaces, capaces de navegar en tempos difíciles, sementando sempre concordia e esperanza, acollida e ilusión, paz desarmada e serena».


A tradicional procesión coa imaxe do Cristo, que habitualmente se realiza ás 21.00 horas, deu comezo antes do previsto con motivo do partido da final do Mundial disputada entre España e Arxentina. A pesar deste contratempo, o fútbol non impediu que a devoción polo Bo Xesús dos Aflixidos percorrese as rúas.
Onte, luns, a parroquia de San Miguel de Bouzas continuou coas celebracións en honra á virxe do Carme e san Telmo, cunha eucaristía ás 20.00 horas, seguida da procesión marítimo-terrestre. Hoxe, martes, festa de san Pedro Pescador, haberá misa ás 13.00 e ás 20.00 horas, esta última seguida de procesión co paso da pesca milagrosa.


