Con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas que se celebra o 20 de xuño, a ONG xesuíta en Vigo, Entreculturas, organiza unha camiñada de hospitalidade, o domingo 22 de xuño, ás 11.00 horas, desde o colexio Apóstolo Santiago ata o parque A Riouxa de Teis, seguindo a senda verde da antiga vía férrea. Ao chegar ao parque, haberá unha comida compartida —co que leve cada participante—. A través desta iniciativa, a asociación xesuíta con presenza na cidade olívica convida a toda a sociedade viguesa a «xerar unha cultura de hospitalidade, solidariedade e inclusión que estea baseada na paz», para construír o futuro.
A iniciativa, tal e como explican desde Entreculturas, é «unha boa oportunidade para atoparnos coas distintas entidades que traballamos por un mundo máis xusto e, de forma especial, convidar os colectivos de persoas migrantes aos que acompañamos, porque é con eles cos que temos que construír unha sociedade de acollida, inclusiva, intercultural e de paz».
«Camiños de hospitalidade» é o título da campaña na que se inclúe esta iniciativa. O obxectivo é xerar na cultura de solidariedade e inclusión coas persoas que se ven forzadas a migrar. As camiñadas celebraranse por toda España e tamén por América Latina, Caribe e África. Baixo o lema «A esperanza é o camiño», únense forzas a nivel global para camiñar pola hospitalidade e a esperanza con persoas de todo o planeta. A esta proposta tamén se suman o Servizo Xesuíta a Refuxiados Europa, a Rede Xesuíta con Migrantes de Latinoamérica e Caribe e a Federación Internacional de Fe e Alegría (FIFyA) presente en 22 países de América Latina, Caribe e África.