Co obxectivo de promover a solidariedade entre a sociedade viguesa nestas datas festivas e recadar fondos para continuar desenvolvendo a súa acción social en favor das persoas máis vulnerables, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo puxo en marcha a súa campaña do Nadal. Así, entre as iniciativas promovidas, destacan a venda de lotería do sorteo extraordinario de Nadal, así como de produtos do Nadal e de Comercio Xusto.
A caseta de Cáritas no Cíes Market, o mercado de Nadal da cidade olívica situado na praza de Compostela, estará aberta ao público de luns a xoves, a partir das 17 horas; venres, sábados, domingos e festivos, desde as 13 horas ata o peche. As persoas que se acheguen poderán atopar moitos produtos do Nadal e de Comercio Xusto —algúns deles elaborados con material reciclado—.
En canto á lotería de Nadal, Cáritas está a vender o número 09.301 do sorteo que, por un custo de 5 euros —dos cales 0, 80 euros serán destinados á entidade—, pode adquirirse nas tendas de Moda Re- de Vigo, na sede diocesana e no posto do mercado de Nadal.
«Nadal é tamén estar preto de quen nos necesita» é o lema da campaña de Nadal 2024 que lanzou Cáritas Española —e á que tamén se suman as diferentes Cáritas diocesanas—, para convidar á poboación «para vivir un Nadal de proximidade e coidado. Dedícate tempo para ti para poder dedicar tempo de calidade aos demais». Así, Cáritas pon o foco na necesidade de abrazar, especialmente, a Deus nestas datas na que a Igrexa rememora a encarnación de Xesús en Belén.