Cáritas de Tui-Vigo presentou onte, en rolda de prensa, as máscaras hixiénicas reutilizables co deseño gañador do I Concurso de debuxos solidarios, levado a cabo en colaboración coa empresa galega Mr. Broc. No acto estiveron presentes, Belén Tombilla, do equipo de Animación Comunitaria e Voluntariado, Juan Lago, responsable de comunicación de Cáritas, e Javier Alonso, delegado episcopal de Acción Social da Diocese.
Esta iniciativa preséntase no marco da campaña do Nadal lanzada por Cáritas España baixo o lema «Este Nadal, máis preto que nunca», que trataron de visibilizar a través do seu vídeo de felicitación no que explican que “a proximidade non se mide en metros, senón en xestos”. Neste sentido, Javier Alonso manifestou que, ante a situación de pandemia actual, víronse obrigados a desenvolver novas vías de comunicación poñendo en práctica a creatividade.
As máscaras hixiénicas reutilizables nacen como consecuencia desa creatividade, constituíndose como un “xesto de proximidade” que busca xerar novos apoios que permitan soster os proxectos e servizos que Cáritas Diocesana de Tui-Vigo pon ao dispor das persoas e familias máis vulnerables. A través desta iniciativa, pretenden facilitar a colaboración de particulares, entidades e empresas.
O I Concurso de debuxos solidarios contou coa participación de máis de 90 nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, quen trataron de representar os valores e o labor de Cáritas a través dos seus deseños. A empresa galega Mr. Broc puxo ao dispor da institución todos os seus recursos para que esta primeira edición puidese realizarse, integramente, de maneira online; posteriormente desenvolveu o deseño e a elaboración das máscaras, fabricadas en España —resistentes a unha temperatura de 60 graos durante 50 lavados grazas ao seu tecido certificado seguindo a normativa española e europea, UNE 0065:2020 e CWA-17556/2020, respectivamente— e dispoñibles en tres tallas —XS, para nenos de 3 a 5 anos; S, para nenos de 6 a 11 anos; e M, para adultos—.
Os interesados poderán adquirilas a 6,90 euros a través de: as parroquias que as solicitaran; a nova páxina web de Cáritas; a sede situada en García Barbón; a tenda Koopera Store do Calvario; e, finalmente, O Corte Inglés que, segundo destacou Belén Tombilla, «colabora de maneira completamente altruísta introducindo as máscaras nas súas canles de venda o que facilitará, sen dúbida, que moitas máis persoas poidan participar desta iniciativa solidaria».