As parroquias do Corazón Inmaculado de María e da Inmaculada Concepción de Vigo suman forzas para ofrecer clases de español para emigrantes. Trátase dunha iniciativa promovida polas Cáritas parroquiais desde fai máis dun lustro e que agora coordina Cáritas diocesana.
O prazo de inscrición comezou onte e terminará o vindeiro xoves, 29 de outubro. Para participar, os interesados deben inscribirse nos locais da Inmaculada Concepción ( C/ Toledo, nº5), de luns a xoves entre as cinco e as seis e media da tarde.
Os participantes recibirán dúas horas de clases semanais que se repartirán nos seguintes horarios: luns e mércores, de 17:00 a 18:00 ou de 18:15 a 19:15; ou martes e xoves á mesma hora. As clases impartiranse nos locais da parroquia da Inmaculada Concepción e comezarán a partir do luns, 2 de novembro.
Para garantir as medidas de hixiene e seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias, os grupos serán reducidos, cun máximo de cinco persoas organizadas por niveis. A actividade tamén poderá sufrir cambios en función da evolución da situación sanitaria.