O sábado 20 de maio, ás 09.30 horas, no Seminario Maior de Vigo, Cáritas de Tui-Vigo convoca a súa XXXI Asemblea Diocesana, que contará coa presenza do bispo Mons. Luís Quinteiro. Durante a xornada, haberá un momento de formación sobre o compartir ao servizo do ben común, baixo o título «Cada cal dea segundo o ditame do seu corazón», e tamén se expoñerán o resumo das actividades levadas a cabo pola institución caritativa durante o pasado ano e os orzamentos para o 2023.
Segundo o artigo 14 dos estatutos de Cáritas de Tui-Vigo, «a Asemblea Diocesana de Cáritas, presidida polo bispo ou polo seu delegado, representa a toda a Igrexa local na súa dimensión caritativa e é, por tanto, o órgano supremo de Cáritas Diocesana». Neste sentido, «constitúe un espazo de encontro e comunicación entre todos os que conforman Cáritas en toda a diocese e é a voz de todos os que compoñen as Cáritas parroquiais, interparroquiais, arciprestais e zonais, así como dos voluntarios e traballadores dos servizos diocesanos de Cáritas».
Deste xeito, tal e como desenvolve nos seguintes artigos, a Asemblea de Cáritas Diocesana «estará composta por todos os voluntarios, colaboradores e traballadores de Cáirtas , tanto dos servizos diocesanos como das Cáritas parroquiais, interparroquiais, arciprestais e zonais». Respecto ao dereito a voto, poderán votar: os membros do equipo de dirección, os membros do Consello Diocesano de Cáritas, os representantes das Cáritas particulares —parroquiais, interparroquiais, arciprestais e zonais—, así como os representantes das asociacións, institucións, ordes e institutos de acción caritativa e social que se han federado en Cáritas Diocesana de Tui-Vigo.