O sábado 20 de abril, ás 17 horas, o grupo de Cáritas do arciprestado da Louriña organiza a primeira edición da «Andaina solidaria», co obxectivo de recadar fondos para poder continuar desenvolvendo os proxectos que levan a cabo desde esta organización caritativa da Igrexa. A iniciativa conta coa colaboración dos concellos do Porriño, Mos e Salceda de Caselas , así como a Asociación de Hostaleiros do Porriño, DJ Pitty e Pan do Porriño.
Este roteiro , que ten un nivel medio de dificultade, atravesará os seguintes espazos: senda do Louro, fonte do Cristo, capela das Angustias, Malladoura e Aloques. Os participantes comezarán na igrexa de Santa María do Porriño e terminarán na capela do Cristo, onde haberá un momento de animación a cargo de DJ Pitty e no que se compartirá chocolate con rosca.
A inscrición ten un custo de 5 euros, para todas as persoas maiores de 14 anos —os menores de 14 participan gratis—. Tamén se aceptan donativos a través do número de Bizum 08323, baixo o concepto «Andaina». As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información no número de teléfono: 662 45 58 15.