Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, en colaboración coa plataforma «Igrexa polo Traballo Decente» (ITD), organiza o próximo 7 de outubro unha xornada de portas con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se celebra en todo o mundo baixo o lema «Traballo decente: dereito, non privilexio».
A actividade, aberta a toda a cidadanía, propón un percorrido testemuñal e inmersivopara que as persoas asistentes poidan “poñerse na pel” de quen participa nos programas de emprego de Cáritas ou forman parte da súa empresa de inserción.
As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente; poderase facer a través do seguinte formulario on-line ou chamando ao número de teléfono 986 44 33 10. Ademais, Cáritas poñerá ao dispor dos asistentes transporte para poder realizar o percorrido e facilitar a visita aos distintos puntos.
Un percorrido con voz de protagonista
A xornada comezará ás 9.30 horas na sede do bispado de Tui-Vigo, onde se celebrará un almorzo informativo e acto de benvida. Durante o encontro presentarase a evolución da empresa de inserción de Cáritas, o seu cambio de nome e o seu novo proxecto de xestión e destrución documental segura.
O percorrido continuará, ás 10.45 horas, no Programa de Emprego de Cáritas (R/ Chao nº 10, Vigo) onde se poderá coñecer de cerca o labor de formación, acompañamento e intermediación laboral que realiza a entidade.
Finalmente, ás 12.00 horas, a visita concluirá na tenda Moda-re do Calvario, un espazo no que se mostrará o traballo en economía circular e sustentabilidade social a través do proxecto téxtil da empresa de inserción.
As persoas que guiarán este percorrido serán protagonistas directas do cambio: participantes que, grazas ao acompañamento de Cáritas, conseguiron un emprego digno no mercado laboral ou dentro da propia entidade.
Unha chamada urxente á dignidade laboral
A xornada enmárcase na campaña internacional da plataforma «Igrexa polo Traballo Decente», que alerta de que o emprego precario segue condenando a mulleres, mozas e persoas migrantes á pobreza, mesmo cando contan cun emprego: «resulta doloroso constatar que en pleno 2025 aínda teñamos que reclamar o esencial: un salario xusto, contornas de traballo seguros, respecto aos horarios e á conciliación, así como igualdade de trato sen discriminación. Reclamamos xustiza. Reclamamos humanidade. Reclamamos traballo decente: dereito, non privilexio», sinalan desde ITD
Segundo datos da plataforma, 12,5 millóns de persoas (25,8% da poboación) viven en risco de pobreza en España, e máis do 40% dos novos empregos creados no último ano foron ocupados por persoas migrantes, cuxa contribución segue marcada pola precariedade e a falta de recoñecemento.