20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano
20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano

Cáritas de Tui-Vigo celebra o Nadal e dá grazas polo seu voluntariado

Cáritas de Tui-Vigo celebra o Nadal e dá grazas polo seu voluntariado

Con motivo da proximidade do Nadal e a recente celebración do Día Internacional do Voluntariado, o xoves, 15 de decembro, ás 19 horas, no templo parroquial de San Salvador de Coruxo, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza unha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro. Ademais, durante esta celebración presentaranse aos novos equipos das novas Cáritas que este ano xurdiron nas comunidades de Soutomaior e Bouzas.

A través desta celebración litúrxica, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo agradece, nun contexto celebrativo e de acción de grazas, o labor dos 558 voluntarios que contribúen ao bo funcionamento de máis de medio centenar de equipos de Cáritas parroquiais e interparroquiais, repartidos por todo o territorio da xeografía diocesana.  Xa o pasado mes de setembro, a delegación diocesana da institución caritativa da Igrexa quixo dar comezo ao novo curso, poñendo o foco na formación do seu voluntariado a través da XIX Xornada de Voluntariado de Cáritas na que, baixo o lema «Grazas a ti poden elixir», abordaron o cambio de modelo de axuda para a alimentación.

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo é a Institución da Igrexa Católica responsable da acción caritativa e de promoción social no ámbito da nosa diocese. O seu obxectivo é coordinar, posibilitar e realizar a acción caritativa e social da Igrexa, así como promover, coordinar e instrumentar a comunicación cristiá de bens en todas as súas formas e axudar á promoción humana e ao desenvolvemento integral de todas as persoas.

Na actualidade, ao traballo que realizan os voluntarios desde as parroquias súmase o traballo de 46 profesionais con perfís de alta capacitación que dan forma á estrutura laboral de Cáritas e achegan cos seus coñecementos, traballo e ilusión as solucións que, día a día, fan mellor a vida de 3.805 fogares que, no ano 2021, beneficiáronse da acción caritativa desta institución.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp