Do 28 de maio ao 2 de xuño, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza unha serie de actos con motivo da XIX Semana da Caridade que, nesta ocasión, celébrase baixo o lema «Alí onde nos necesitas, abrimos camiño á esperanza» e que culminará o domingo 2 de xuño, día no que a Igrexa conmemora a solemnidade do Corpus Christi —a festa do corpo e sangue de Cristo— e, polo tanto, o Día da Caridade.
O martes 28 de maio, ás 18 horas, na parroquia María, nai do bo pastor, inaugurarase a Semana da Caridade coa conferencia «A espiritualidade na acción caritativa», que impartirá Mons. Vicente Martín, delegado de Cáritas Española e bispo auxiliar electo de Madrid; ao día seguinte, ás 10.30 horas, os sacerdotes poderán conversar con Mons. Vicente Martín, no Seminario Maior «San Xosé», en Vigo.
«A caridade, fonte de espiritualidade. A espiritualidade, alimento da Caridade» é a seguinte conferencia que impartirá o irmán Mikel Hernasanz, OFM, o mércores 29 de maio, ás 18 horas, tamén na parroquia María, nai do bo pastor.
O bispo emérito e administrador apostólico da diocese de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidirá a eucaristía da Caridade, o xoves 30 de maio , ás 20 horas, na concatedral-basílica de Santa María de Vigo. A continuación, haberá un concerto a cargo do cantautor católico, Luís Guitarra.
Ademais desta programación, o xoves 30 de maio, Cáritas diocesana de Tui-Vigo organizará varias mesas informativas por diferentes puntos da cidade olívica para dar a coñecer a acción social e caritativa que desenvolven na institución da Igrexa.
A delegación episcopal de Acción Social e Caritativa convida a todas as parroquias, movementos, asociacións da Igrexa e ao público en xeral, a sumarse aos actos organizados durante estes días. Especialmente, lembran a importancia de celebrar en comunidade a solemnidade do Corpus Christi e o Día da Caridade, o domingo 2 de xuño, co que se recoñece o labor que a Igrexa desenvolve a través de Cáritas.