14 de Marzo de 2026,
Santa Matilde

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza a XIV edición do Ciclo de Cinema Social

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza a XIV edición do Ciclo de Cinema Social

No marco da XIV edición do Ciclo de Cinema Social que organiza Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, o luns, 3 de febreiro, ás 19.30 horas, proxectarase a película Un corazón extraordinario, no Cinema Teatro Salesianos, para visibilizar e difundir diversos valores vinculados coa entidade a través de medios audiovisuais como o cinema. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.

Baseada nunha historia real, Un corazón extraordinario é unha película alemá que narra a historia de Lenny Reinhard, un mozo de 30 anos —ao que lle gusta a esmorga e é irresponsable—, a quen o seu pai obriga a coidar a un dos seus pacientes adolescentes, que ten unha grave enfermidade cardíaca. Así, Lenny proponse cumprir cada un dos desexos do seu novo amigo, aínda que iso supoña romper as regras.

Do 3 ao 7 de febreiro, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, en colaboración co Cinema Teatro Salesianos, organiza a XIV edición do Ciclo de Cinema Social, dirixido a escolares de Educación Primaria e Secundaria, co obxectivo de traballar na aula diversos valores vinculados coa entidade. Nesta ocasión, proxectaranse as películas Robots —Educ. Primaria— e Un corazón extraordinario —ESO—, que abordarán os seguintes temas: o apoio familiar; a proximidade e a dispoñibilidade; a enfermidade e os coidados; a diversidade e a inclusión; ou a superación, entre outros.