20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza unha formación sobre migracións

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza unha formación sobre migracións

O venres 14 de marzo, ás 10.00 horas, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organiza o relatorio «Derrubando muros mentais: Confrontando as verdades que ninguén quere oír sobre a migración», que impartirá Alberto Ares, SJ, doutor en Migracións Internacionais e Cooperación ao Desenvolvemento e, actualmente, director do JRS Europe (Jesuit Refugee Service Europe, Servizo Xesuíta a Refuxiados de Europa).

Esta sesión formativa e gratuíta está dirixida aos voluntarios e traballadores de Cáritas , pero tamén a todas aquelas persoas que no seu labor diocesano traballan con poboación migrante. Quen desexe participar poden inscribirse a través da seguinte ligazón.

Alberto Ares Mateos é director do JRS Europe e doutor en Migracións Internacionais e Cooperación ao Desenvolvemento pola Universidade Pontificia Comillas. Especializouse en Ética Social complementando unha Licentiate in Sacred Theology en Boston College; é tamén licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais na especialidade de Dirección Comercial (Universidade de Valladolid).

O JRS Europe é unha organización xesuíta internacional cuxa misión é acompañar, servir e defender os dereitos dos refuxiados e outras persoas desprazadas. En Europa, o JRS traballa para que os dereitos humanos, a protección, a hospitalidade, a integración e a reconciliación teñan cabida dentro dunha visión máis ampla de sociedades inclusivas e acolledoras. Unha tarefa que non é só un dos grandes retos sociais deste tempo, senón tamén preferencia apostólica para a Compañía de Xesús.