Máis de 40.000 euros conseguiu recadar Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, a través da campaña iniciada o pasado 4 de novembro para responder á emerxencia provocada polas graves inundacións, canalizando, así, a solidariedade da sociedade española para axudar a Cáritas de Valencia e Albacete no seu traballo de apoio aos damnificados. Grazas á xenerosidade e o apoio das persoas que se quixeron sumar a esta iniciativa, foi posible alcanzar esta cifra que, tal e como explican desde a entidade, supón un «motivo de satisfacción para todos».
Durante unha entrevista no programa de COPE Vigo, O Espello de Tui-Vigo, o delegado episcopal de Acción Caritativa e Social da diocese, Javier Alonso, expresou que «a DANA supuxo tamén un gran dano en moitos templos, en locais parroquiais e de Cáritas». Neste sentido, declarou que «a Igrexa —e Cáritas— xa estaba na realidade territorial asolagada agora pola DANA, formando parte da armazón social cotián. Por tanto, non estamos simplemente aliviando ou auxiliando, senón que estamos a acompañar a membros das nosas comunidades cristiás a superar xuntos esta situación». Tamén lembrou que «a oración é o exercicio máis radical e forte que pode ofrecer a Igrexa. Recoñecer, descubrir, que hai todo un país que se está reunindo desde o primeiro momento, rezando polas vítimas e os damnificados… Iso ten que supoñer unha carga moi emocionante, pero, ademais, un forte impulso esperanzador».
Podes escoitar a entrevista completa, a partir do minuto 11.05 do episodio número 160 do programa O Espello de Tui-Vigo.
Ademais da campaña promovida por Cáritas, o domingo 24 de novembro, festa de Cristo Rei, a Conferencia Episcopal Española convocou unha colecta en todas as eucaristías que se realicen en España en favor dos damnificados polas graves inundacións, producidas a finais do mes de outubro. As parroquias da diocese de Tui-Vigo tamén se suma a esta convocatoria —cabe lembrar que, nalgúns lugares, xa se realizou esta colecta en domingos precedentes—.