Baixo o lema «Mentres haxa persoas, hai esperanza», Cáritas Diocesana de Tui-Vigo presentou a súa Memoria anual de Actividades correspondente ao ano 2024, no salón Galicia da Confederación de Empresarios de Pontevedra, o pasado venres 21 de xuño. No acto, interviñeron o novo director da entidade, Alfonso Moreno, a nova secretaria xeral, Inmaculada Tombillla, e o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañados por Naudi e Cristian, dúas persoas beneficiarias da acción desta institución diocesana.
Durante o acto, Alfonso Moreno, novo director de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, agradeceu o labor que, durante nove anos, desenvolveu o seu predecesor, Gonzalo Davila. Desde o ano 2021, momento no que se realizaron os últimos cambios na directiva de Cáritas, Moreno exercera como secretario xeral da entidade, cargo que asume agora Inmaculada Tombilla, que, tamén desde 2021, exercía como coordinadora xeneral.
Con esta presentación, a entidade caritativa, nun exercicio de transparencia, quixo dar conta do labor realizado no territorio diocesano. Ademais, foi un momento para agradecer as historias de todas esas persoas que forman parte de Cáritas e acoden a ela, en busca de esperanza.
O foco de Cáritas, sempre, as persoas
Alfonso Moreno, novo director de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, foi o encargado de inaugurar o acto lembrando que «detrás destes números, hai unha persoa: unha muller que atopou un fogar digno; un mozo que accede a un emprego; un maior que volve sentirse acompañado; unha familia que recupera tamén a súa confianza e a súa dignidade». Todo iso é posible grazas á rede comprometida e activa que conforman as diferentes Cáritas parroquiais e interparroquiais, os equipos da sede central e o voluntariado.
Cáritas é a institución que, no territorio da diocese de Tui-Vigo, desenvolve a acción social da Igrexa. Neste sentido, Moreno expresou que «unha Igrexa que non serve, que non se achega ao pobre, que non escoita ao que sofre deixa de ser fiel ao Evanxeo. A nosa acción non nace só dunha sensibilidade social, senón que nace xustamente da nosa fe viva nun Deus que se fai próximo. Neste mundo que marxina, esquece, Cáritas ten que ser ese abrazo, esa mirada que dignifica, esa palabra que acompaña. Facémolo porque cremos que cada persoa, polo simple feito de selo, é portadora de esperanza».
Para finalizar a súa intervención, o novo director de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo subliñou que, a través deste acto, «renovamos o noso compromiso de seguir estando á beira de quen máis nos necesita, sementado xustiza e esperanza».

Cáritas, unha institución que non abandona as persoas
Naudi emigrou desde Venezuela a Vigo coa súa familia: a súa muller e os seus tres fillos —un deles nado xa en España—. O orzamento inicial co chegaron á cidade olívica foi insuficiente para afrontar o inicio da súa nova vida porque «aquí os tempos son uns pouco longos, debido ao permiso de traballo. Non nolo esperabamos». Grazas a unha amiga que lles falou de Cáritas puideron coñecer a institución, na que «fomos acollidos e apoiados desde un principio, co tema económico: alugueiro, alimentación…»; esta era a súa maior preocupación, «porque non tiñamos familiares aquí en Vigo», pero grazas a Cáritas puideron atopar unha segunda familia que, durante este tempo, «nunca nos abandonou. Estamos moi agradecidos».
Agora, tanto Naudi como a súa muller contan co permiso de traballo para empezar a súa carreira laboral en España. «A miña esposa xa a chamaron para traballar na empresa de inserción laboral de Cáritas e eu estou en busca de emprego». No que respecta aos seus fillos, «están aquí colexiados» e, grazas á institución caritativa da diocese de Tui-Vigo, puideron organizar as súas vacacións de veráns cos nenos.

Cáritas continúa transformando vidas
Procedente de Cali, Colombia, Cristian leva seis anos vivindo en Vigo. A través de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, «empecei cun proceso de regularización dos meus documentos e un proceso de arraigamento formativo, que me axudou e transformado a miña vida para ben». Tras o seu proceso de formación, comezou a traballar na tenda Moda re-, situada no Calvario: «tiña un obxectivo que era estar e facer as cousas ben».
Cando finalizou o seu período de prácticas, decidiu continuar como voluntario en Cáritas. Desta primeira experiencia, Cristian expresa que «o equipo de traballo é estupendo. É unha engrenaxe de moitas persoas que traballan para que todo vire. O factor humano é moi importante». Nestes momentos, continúa traballando na empresa de inserción: «estou feliz. Amo o meu traballo e o meu equipo de traballo que é estupendo».

Máis de 4.000 persoas acompañadas
A nova secretaria xeral de Cáritas Diocesana, Inmaculada Tombilla, presentou os datos da Memoria de Actividades, destacando, en primeiro lugar, que máis de 4.000 persoas foron acompañada a través da atención directa e o seguimento personalizado nos diferentes recursos dos que dispón a entidade. Para iso, investíronse 1.630.057 euros, distribuídos entre as principais áreas de actuación: atención primaria —acompañamento social e necesidades básicas—, emprego, familia e infancia, saúde —atención psicosocial, entregas de medicación, grupo de auto-apoio, etc.— e vivenda.
Esta axuda foi posible grazas a máis de 450 voluntarios e 28 profesionais contratados. A iso, súmanse máis de 400 doantes regulares e 21 empresas con corazón que apoian e impulsan o labor de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo.
Na área de infancia e familia, Inmaculada destacou o proxecto C.L.A.R.A .,unha vivenda de acollida para mulleres soas ou cargas familias, da que se beneficiaron 9 familias —10 persoas adultas e 11 menores—. Tamén, nesta área, destaca o labor do Centro de Atención de Día de Menores, no que se acompaña a 23 mozos e mozas.

Grazas aos itinerarios personalizados, á orientación laboral e ao programa «Arraigamento para a formación», 52 persoas conseguiron unha inserción laboral, mentres que 385 beneficiáronse dos servizos de orientación, 94 da intermediación e 20 da formación ofrecida pola Axencia de Colocación de Cáritas.
A través da empresa Servizos Comerciais de Inserción Laboral, Cáritas recolleu 1.8 mil toneladas de roupa nos 550 contedores distribuídos en máis de 90 concellos. Tras o proceso de recollida, selección e preparación para a venda ao público, esa roupa atópase nas 4 tendas Moda re- de Vigo (3) e Ourense (1), así como os corners Alcampo. Isto é posible grazas aos 19 contratos de inserción e 9 de estrutura que ofreceu esta empresa de Cáritas.
Inmaculada Tombilla finalizaba a súa intervención cos retos da entidade para o ano 2025: ampliar a súa acción e a súa mirada, para responder con maior calidade, humanidade e rigor ás diferentes realidades; impulsar a participación das persoas acompañadas; fortalecer os diferentes equipos; desenvolver os dereitos fundamentais, promovendo a xustiza social e a igual dade de oportunidades; e impulsar o coidado da casa común.

Cáritas, o rostro amable e visible de la Iglesia
O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, pechou, coa súa intervención, a presentación da Memoria de Actividades de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, correspondente ao ano 2024. O prelado subayó que «Cáritas non é unha organización máis entre unha chea. Cáritas é o rostro amable e visible da Igrexa nunha realidade concreta. Como rostro visible da Igrexa, é o que moito xente coñece».
Monseñor Antonio Valín insistiu na importancia de coidar esta entidade caritativa da diocese porque «forma parte da nosa esencia. Todo o que vivimos na Igrexa, se non tivese esa dimensión socio-caritativa, quedaría moi no aire». Por iso, agradeceu enormemente o labor de todos os voluntarios, traballadores, empresas e doantes que, co seu tempo e xenerosidade, fan posible que Cáritas poida estar presenten para as persoas máis vulnerables da sociedade: «Só podemos dicir: grazas».