16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

Cáritas Val da Louriña completa o aforo na II edición do seu festival benéfico

Cáritas Val da Louriña completa o aforo na II edición do seu festival benéfico
FOTO.- El Multiusos de Pozas de Mos acogió esta II edición del festival benéfico de Cáritas Val da Louriña | © Concello de Mos

Cáritas Val da Louriña logrou colgar o cartel de «completo» durante a II edición do festival benéfico, organizado no Multiusos das Pozas de Mos, o pasado 1 de decembro. As 300 entradas previstas esgotáronse, o que supuso unha recadación de 1820 euros, para continuar desenvolvendo o labor social e caritativo, en favor das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade no arciprestado da Louriña.

A entidade quere agradecer a colaboración de todas as persoas que, a través da súa achega económica, decidiron sumarse á iniciativa. Tamén, dá as grazas a todas aquelas institucións e persoas que participaron na organización do festival, especialmente ao artistas invitados e aos  concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.

No evento, que contou coa asistencia do director de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Gonzalo Davila, e do bispo tudense, Mons. Antonio Valín, participaron, de maneira totalmente altruísta e xenerosa, artistas e profesionais da comunicación recoñecidos a nivel autonómico, nacional e internacional: Arume, Vos Silandeiros, Grupo infantil Tiriteiras, Carla Lourdes, Meigas Crew, de MaiSon ,  Raúl Ben, Cora Blackat, Iker Faure, Uxia Senlle e DJ. Lady Lysé.

Cáritas atende na Louriña a 70 familias. Co obxectivo de centrar a atención na persoa, recentemente cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por un novo sistema de entrega de tarxetas económicas. Deste xeito, conséguese dignificar o proceso de atención, mellorando así a resposta ás necesidades e particularidades dos usuarios e usuarias. Ademais, nas parroquias de Salceda de Caselas , O Porriño e Mos, ofrecen talleres de formación e procura de emprego, atención a maiores ou clases de costura.