19 de Abril de 2026,
San León IX

Cáritas Val da Louriña pon en marcha os «Círculos do Silencio» no  Porriño  

Cáritas Val da Louriña pon en marcha os «Círculos do Silencio» no  Porriño  
FOTO.- Ejemplo de un «Círculo del Silencio» | © Diócesis de Vitoria

Hoxe, 22 de abril, ás 20.00 horas, Cáritas Val da Louriña inaugura no Porriño a iniciativa «Círculos do Silencio», un tempo de silencio de 30  minutos, para deterse, escoitar, reflexionar ou rezar, que culmina coa lectura dun manifesto. O encontro levarase a cabo na rúa Antonio Palacios, diante da casa do concello da vila porriñesa.

Tal e como explica Alberto Pereiro, promotor da iniciativa e membro de Cáritas Val da Louriña, durante este encontro pacífico e apolítico, «manifestaremos as nosas preocupacións polos diversos problemas que temos na sociedade», co obxectivo de concienciar acerca das «situacións de extrema gravidade que viven os nosos cidadáns, especialmente, os máis vulnerables».

Os círculos de silencio iniciáronse en Francia polos franciscanos de Toulouse a finais do ano 2007.  Con carácter mensual, máis de 10.000 persoas, crentes e non crentes, reúnense en máis de 120 cidades para, en silencio, tomar conciencia, interiorizar e ser un elemento de interpelación á sociedade sobre as situacións de extrema gravidade que estamos a vivir.

Onde xa se están levando a cabo os círculos de silencio, participan persoas de diversas ideoloxías e crenzas, que se senten chamadas a proclamar a necesidade dun mundo mellor, desde o silencio compartido, sen rancor, sen sinalar culpables, tomando xuntos conciencia de que é responsabilidade de todos sacar adiante esta humanidade ferida.