1 de Decembro de 2024

,

Dedicación de la S.I. Catedral de Santa María de Tui
1 de Decembro de 2024

,

Dedicación de la S.I. Catedral de Santa María de Tui

A nosa indiferencia condénaos ao esquecemento | Mensaxe para a campaña «Contra a fame» de Mans Unidas

A nosa indiferencia condénaos ao esquecemento | Mensaxe para a campaña «Contra a fame» de Mans Unidas
Mons. Luis Quinteiro inaugura la campaña «Contra el hambre» de Manos Unidas en febrero de 2022

O próximo 13 de febreiro celebraremos o día da campaña «Contra a fame» que Mans Unidas convoca cada ano para sensibilizar á comunidade cristiá e a toda a sociedade para compartir vida, experiencia e bens cos irmáns máis necesitados do mundo. Con iso preténdese colaborar para saciar a fame de pan, de Deus e de cultura entre os máis pobres da terra.

Mans Unidas é a asociación da Igrexa católica en España para a axuda, promoción e desenvolvemento dos países máis empobrecidos, que dá vida ás palabras de Xesucristo: “Tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber”. A súa misión é loitar contra a pobreza, a fame e a enfermidade no mundo e traballar para erradicar as causas estruturais que as producen.

Entre as moitas accións que Mans Unidas leva a cabo para loitar contra a fame no mundo, hai que destacar os seus programas de educación para o desenvolvemento e os múltiples proxectos de cooperación que leva a cabo traballando de xeito conxunto cos socios locais e as comunidades ás que acompaña.

A preocupación e o compromiso cos pobres é unha dimensión esencial da fe cristiá e un empeño que nunca debería esquecer o cristián na súa vida. Nos mesmos comezos da Igrexa aparece o compromiso cos pobres como a alma da vida das comunidades cristiás. Ao longo dos séculos foi a atención dos desherdados a que mantivo ben orientada a guía da fe cristiá. O Concilio Vaticano II lémbranos que “Deus destinou a terra e canto ela contén para uso de todos os homes e pobos. En consecuencia, os bens creados deben chegar a todos en forma equitativa baixo o amparo da xustiza e coa compañía da caridade” (Gaudium et Spes, 69).

Na loita contra a desigualdade que alimenta a fame, á que nos convida Mans Unidas, aínda quedan moitas barreiras que superar, como nos di o papa Francisco: “Aínda estamos lonxe dunha globalización dos dereitos humanos máis básicos. Por iso a política mundial non pode deixar de colocar entre os seus obxectivos principais e imperiosos o acabar eficazmente coa fame” (Fratelli Tutti, 189).

A campaña de Mans Unidas deste ano quere alzar a voz ante a crecente indiferenza que se está instaurando no noso mundo. A pandemia do coronavirus agravou a desigualdade e o número de persoas con fame no mundo segue aumentando. Detrás das cifras están rostros de seres humanos que non vemos nin lles prestamos atención.

Non podemos esquecer a dura realidade que viven millóns de persoas como nós no mundo de hoxe. A súa única diferenza connosco é nacer nunha parte do mundo hipotecada pola pobreza. Non querer ver esa desigualdade fará invisibles aos máis pobres da terra. Sen a nosa mirada, atención e apoio os máis pobres do planeta serán esquecidos.

O cartel deste ano mostra o rostro da pobreza da muller africana que vive sometida a tantas presións e soporta o peso de tantas familias mergulladas na miseria. Este rostro convídanos a tomar partido e actuar para afrontar un problema global e urxente como a desigualdade e a fame no mundo.

Convídovos a todos a que rompamos as barreiras do pesimismo e a poñernos en marcha cara á construción dun mundo onde ninguén quede atrás e no que a fame se converta nun triste recordo dun pasado que nunca debeu de existir.

Só a esperanza sabe mirar alén da comodidade persoal para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis fermosa e máis digna.

Con todo afecto e gratitude.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo

 

Descarga o texto en PDF aquí.