11 de Setembro de 2024

,

San Pafnucio
11 de Setembro de 2024

,

San Pafnucio

Alocución de Mons. Antonio Valín Valdés, durante a procesión do Cristo da Vitoria de Vigo

Alocución de Mons. Antonio Valín Valdés, durante a procesión do Cristo da Vitoria de Vigo

Procesión do Cristo da Vitoria de Vigo

4 de agosto de 2024

 

Esta mañá, na eucaristía na nosa concatedral-basílica, lembrabamos a antífona que se canta na Semana Santa: «Mirade a árbore da cruz onde estivo cravada a salvación do mundo».

Acompañamos a imaxe do Santísimo Cristo da Vitoria, miramos e contemplamos a cruz onde estivo a salvación. Proclamamos, unha vez máis, que nel está a nosa esperanza.

Hai máis de 2000 anos que os cristiáns anunciamos a este Cristo como a nosa esperanza, e fixémolo en distintos períodos, moi distintos e con problemática diversa; ás veces no medio de situacións convulsas, sabendo que non sempre é fácil manternos nesa esperanza. O papa Francisco lémbranos, ante o Xubileu que celebraremos o próximo ano en toda a Igrexa, que somos «peregrinos de esperanza» e que neste mundo non nos podemos deixar roubar a esperanza. Cantas veces nos deixamos levar polas dificultades, os problemas! Cantas dicimos «que será de min, cal é a meta da viaxe da nosa vida, cal o destino do mundo»! Sen esperanza, todo corre o risco de derrubarse e de acabar en cinzas. A nosa esperanza, dinos o papa, non emana de nós, é un don que vén directo de Deus.

Realmente, podemos manter a esperanza nunha sociedade tan polarizada, tensa, crispada? Hai razóns para crer e manternos na esperanza? Non será unha inxenuidade seguir afirmando isto? Nós dicimos estar tarde, unha vez máis, que si hai esperanza. Si, hai esperanza! O Deus que se manifesta en Xesús é misericordia, é máis grande que as nosas dificultades e faltas: El perdóao todo, perdoa sempre; acolle a todos, acolle sempre. Por iso dicimos co apóstolo Paulo: vivimos alegres na esperanza. Somos amados, aceptados, queridos polo Deus da vida. Si hai esperanza!

Neste día, Santísimo Cristo da Vitoria, pedímosche que non perdamos nunca esa esperanza. Que nunca falte unha man amiga que nos axude nas dificultades; un ombreiro próximo no que chorar e descansar nos problemas; unha caricia no rostro do maior que se apaga; o sorriso nos nenos que se abren á vida; a ilusión na mirada limpa da mocidade; a proximidade e confianza dos amigos; o entusiasmo de tantas parellas que levan adiante un proxecto de vida en común; a entrega e o servizo de cantos fan algo polos demais de maneira xenerosa… Que esta esperanza nos anime a comprometernos co respecto e coidado da Creación, a nosa Casa común; cos máis desfavorecidos e vulnerables; con aqueles que pasan por momentos difíciles; que sempre poñamos á persoa como centro do noso ser e quefacer; que busquemos todos o ben común e que nunca nos cansemos de loitar por unha maior fraternidade e unha paz duradeira.

Señor da Vitoria, hai uns días, iniciaba o meu ministerio pastoral nesta Igrexa diocesana convidando a soñar. Hoxe diante de ti, renovo esta invitación e compromiso: queremos soñar, non queremos deixar de facelo; queremos seguir crendo que, contigo, o imposible faise realidade e que Ti, Santísimo Cristo da Vitoria, coa túa morte e resurrección, «fas novas todas as cousas». Bendinos, Señor, coa esperanza. Bendí á nosa cidade, a cada persoa e institución, e fai que sexamos o rostro amable do teu amor con cada irmán. Así, seremos homes e mulleres de esperanza.  Amén.

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo