9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Ao rematar esta procesión, poderiamos pensar que fomos nós quen te acompañamos, Santísimo Cristo da Vitoria, polas rúas da nosa cidade.

Pero quizais… Quizais hoxe aconteceu algo máis fondo. Non fuches só ti, Cristo, quen pasou entre nós. Quizais fomos nós os que pasamos diante de ti.

Ao longo deste camiño, Señor, fuches mirando a túa cidade: fuches mirando as nosas familias, a nosa xente. Porque ti, fillo amado de Deus, nunca miras desde lonxe, sempre miras con amor.

Miramos agora a túa imaxe, Santísimo Cristo. Miramos os teus brazos… non están pechados, non sinalan nin acusan, non apartan a ninguén. Están abertos, sempre abertos; como dicindo sen palabras: Aquí cabedes todos. Aquí cabedes todos.

Si, aquí caben os mozos e mozas que buscan un horizonte. Aquí cabe a nosa xente do mar, que cada día aprende que a esperanza tamén se navega no medio de tantas tormentas. Aquí caben as persoas que veñen doutros lugares buscando unha oportunidade para vivir. Aquí cabe quen sofre en silencio, quen vive en soidade, quen leva a preocupación dun traballo precario, quen durme na rúa, nun banco ou nalgún portal, quen non atopa unha vivenda onde poder chamar fogar. Tamén aqueles que cada día se esforzan por levar o sustento ás súas casas, quen se sacrifica con amor polos seus, quen axuda a facer unha sociedade mellor. Nos brazos de Cristo, ninguén queda fóra. Nos teus brazos, Santo Cristo, cabemos todos.

Agora,  miramos aos teus ollos.   Moitas veces pedimos «volve os teus ollos a nós». E hoxe comprendemos que esa pregaria xa ten resposta. Porque ti, Señor, non deixas de mirar por nós. Mírasnos con misericordia, con paciencia, con esperanza infinita. E a túa mirada quéntanos o corazón de ilusión e alegría… Pero a túa mirada tamén nos fai unha pregunta: E ti… cara onde miras?

Porque é doado mirar para outro lado; é doado afacerse á dor allea ou non implicarse. Pero quen se deixa mirar por ti, Cristo, aprende a mirar coma ti.

Por iso queremos facer nosa aquela invitación que resoou tantas veces na visita a España do papa León: Alzade a mirada!  Si, alzamos a mirada cara ti, Cristo da Vitoria, para descubrir que nunca deixas de abrir os teus brazos. Alzamos a mirada cara os ollos dos irmáns, porque ti, Cristo, segues esperándonos neles: no pobre, no enfermo, no migrante, na persoa maior que vive soa, nos mozos que buscan sentido para as súas vidas… en cada persoa que precisa ser escoitada, acompañada e querida.

E miramos finalmente á túa cruz. Esa cruz non ten a derradeira palabra. Cremos que todo canto somos e vivimos non pode quedar nunha cruz fría, nunha morte sen xeito. A derradeira palabra pronúnciala ti, e esa palabra final é unha palabra de Amor. Un amor que vence sen facer violencia, que vence servindo e entregándose. Por iso te invocamos como Cristo da Vitoria, porque ti vences no Amor.

Agora, a túa imaxe regresa á súa casa, pero a procesión non pode rematar aquí. Continúa cada vez que erguemos a mirada para descubrir un irmán. Continúa cando non sexamos indiferentes ante quen necesite de nós. Continúa cando sexamos reflexo dos teus brazos, da túa mirada e da túa entrega.

Señor Xesús, volve os teus ollos a nós e fai que, ao tornar ás nosas casas, levemos gravada no corazón a túa mirada, porque unha cidade cambia de verdade cando hai homes e mulleres que aprenden a mirar coma ti.

Santísimo Cristo da Vitoria queda connosco e envólvenos sempre cos teus brazos abertos. Que nunca esquezamos aquilo que tantas veces cantamos: «Alza Vigo, la frente serena y contempla a tu Cristo en la Cruz; y verás como envuelve a este pueblo en torrentes de amor y de luz». Que así sexa. Amén.

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo