7 de outubro de 2026 — Xornada Mundial polo Traballo Decente
Celebramos a Xornada Mundial polo Traballo Decente. O lema deste ano —«Ante a exclusión, traballo decente»— golpéanos directamente na nosa conciencia como sociedade e como Igrexa.
Durante anos dixéronnos que o emprego era a chave máxica para saír da pobreza. Hoxe as entidades socio-caritativas, con Cáritas á cabeza, fálannos dunha realidade descarada e cada vez máis común, que pon ese principio en cuestión: a figura do traballador pobre. Persoas que madrugan, que queiman os seus días producindo, pero que non chegan a fin de mes. Vémolos nos barrios e vilas. Vémolos nos mozos que encadean contratos por días ou horas, impedidos de construír un proxecto de vida estable. Vémolos nas mulleres, moitas migrantes, entregadas ao coidado dos nosos maiores, con poucos dereitos e sen horario que as protexa… Cando flexibilizar o mercado significa precarizar a vida, o que estamos a facer é esgazar fogares e o futuro da nosa contorna.
O papa Francisco, berrou moitas veces contra a “economía do descarte” e esa idolatría dos cartos que devalúa o ser humano a unha mera mercadoría. El ensinounos que cando o beneficio económico está por riba da saúde ou dos dereitos dos fillos e fillas de Deus, ese mercado convértese nun ídolo falso que esixe sacrificios humanos.
Nesa mesma liña, o papa León XIV alertaba sobre os ritmos deshumanizadores que provocan unha silenciosa epidemia de ansiedade e depresión entre a clase traballadora. «Non chega con exaltar a liberdade individual ou a iniciativa privada, se logo se acepta que unha multitude de persoas siga vivindo sen un traballo digno, sen tutelas e sen acceso aos bens fundamentais» (Magnifica Humanitas 58). Deus non bendí a riqueza que nace das bágoas dos obreiros, nin dos salarios de miseria, nin do abuso dos horarios. O traballo é para a persoa, e non a persoa para o capital.
Falarmos de Traballo decente non é pedir un favor nin facer caridade. É falarmos de:
- Un traballo que paga un salario xusto: que non se limite a cubrir co mínimo estrito da lei se este non permite cubrir a cesta da compra ou o pago dunha vivenda digna nun contexto de gran especulación.
- Un traballo que garante a seguridade: con condicións dignas de traballo e seguridade laboral.
- Un traballo que respecte os tempos: o ser humano precisa tempo para descansar, para exercer a paternidade/maternidade, para ser veciño/a na súa comunidade e para celebrar a súa fe. Un traballo que che rouba a vida familiar e as relacións non é decente.
- Un traballo que permita un teito digno: cun acceso a unha vivenda accesible onde pagar un alugueiro non sexa unha loita titánica nin supoña compartir espazos con xente descoñecida, e situacións moi precarias e dificultando proxectos de vida autónomos.
Esta Xornada ten que ser unha chamada directa ás conciencias, á túa e á miña. Á dos empresarios cristiáns e xestores para ser audaces e exemplares, amosando que outra economía é posible poñendo á persoa no centro e buscando a xustiza social sempre. Á das administracións públicas, protexendo sempre aos máis vulnerables, atallando a precariedade encuberta e as fendas laborais, e freando á especulación que asfixia a tantas e tantos. Á de toda persoa de boa vontade, comunidades parroquiais, movementos, asociacións… buscando un consumo responsable e consciente premiando ás empresas que non espreman aos seus empregados e que teñan a búsquela do ben común como algo non negociable. Ou apostamos decididamente pola dignidade no emprego, ou estaremos construíndo unha sociedade de mentira. É urxente pasar da exclusión á fraternidade.


