10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida
10 de Decembro de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida

Camiñando en esperanza

Camiñando en esperanza

Mensaxe para a Xornada Mundial da Vida Consagrada 2023

Como cada ano, na festa da Presentación de Xesús no Templo, a Igrexa celebra a Xornada da Vida Consagrada. Na liturxia desta festa, a Igrexa conmemora o día en que Xesús foi presentado no templo para cumprir a lei, pero sobre todo para atoparse co pobo crente. Xesús aparece no Templo como a luz que ilumina a todas as nacións. Así o proclama o ancián Simeón que xunto con Ana acoden ao templo, iluminados polo Espírito Santo, para coñecer ao Señor e proclamalo con alegría.

O Evanxeo de san Lucas preséntanos aos pais de Xesús levándoo a Xerusalén, para presentalo ao Señor, de acordo co escrito na lei do Señor: «consagraredes ao Señor todo neno primoxénito»; e para entregar a oblación como di a lei do Señor: «un par de rulas ou dous pombiños». No Templo esperábanos os anciáns Simeón e Ana que pasaran as súas vidas servindo a Deus e esperando a liberación de Israel. Simeón, coa forza do Espírito Santo, tomou ao neno en brazos e bendixo a Deus dicindo: «Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,… luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel».

No espello de Simeón e de Ana mírase hoxe toda a vida consagrada, coñecedora da transcendencia do momento presente. A espera destes dous anciáns foi longa no tempo e paciente nas probas. Eles coñeceron a dificultade dos tempos e o paso dos anos sen horizontes prometedores, pero tiveron a fortaleza para camiñar con esperanza e recoller con gratitude e cantar con xúbilo a presenza salvadora do Mesías Redentor. Na figura destes anciáns de Israel recoñecemos o rostro de tantos consagrados e consagradas que seguen a Xesús e manteñen as esperanzas dunha humanidade aberta á salvación.

A Xornada da Vida Consagrada é un día especial para agradecer e valorar o agasallo que Deus fai á súa Igrexa coa vida entregada de tantos consagrados que o Espírito suscita e sostén en cada lugar e en cada tempo. A Igrexa convídanos especialmente a vivir esta xornada recollendo e profundando os ecos sinodais que resoan en toda a Igrexa; por iso , pídenos  celebrar a Xornada Mundial da Vida Consagrada baixo o lema «Camiñando en esperanza».

Os consagrados tentamos camiñar con esperanza porque sabemos, como nos dixo Xesús, que «quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou» (Lc 10, 16). Tratamos de camiñar con esperanza coas forzas que temos, aínda que nos gustase facelo cos pulmóns cheos e a garganta ben timbrada. No noso camiño cotián atopámonos con pobrezas que comezan e terminan na casa dos esquecidos. Sabemos que nos rescata a proximidade con Cristo Xesús porque El é o que sanda as enfermidades, levanta do barro e alegra o corazón. Todos nós, aínda que moitas veces non o consigamos, queremos seguir o ronsel de Xesucristo Resucitado que pasou por este mundo facendo o ben e curando a todos os enfermos de toda enfermidade, tamén aos enfermos de desesperanza.

Unidos aos homes e mulleres do mundo queremos camiñar xuntos na esperanza e ser testemuñas, tras as pegadas do Resucitado, dunha luz que ilumina o fondo de todo corazón no que aniña sempre a forza para volver empezar.

Fraternalmente con todo afecto.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo