No medio deste tempo de Coresma xa temos a mirada posta na celebración próxima da gran semana do ano para os cristiáns: a Semana Santa. En realidade, a Coresma é o tempo da necesaria preparación para a gran festa da Pascua de Resurrección. E antes da celebración dese gran día, os cristiáns somos convocados a vivir con intensa piedade a memoria dos últimos días de Xesús camiño da cruz.
O Domingo de Ramos é a celebración que abre o gran pórtico da Semana Santa. Lembraremos a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e escoitaremos como homes, mulleres e nenos acollen a quen será pouco despois condenado a morte pola nosa salvación. Na nosa Cidade de Vigo faremos memoria deste acontecemento solemne da vida de Xesús na «Procesión da Borriquña» que reúne a miles de nenos, de pais e de avós. Convídovos a unirvos este ano a unha das experiencias máis fermosas e emotivas da nosa Semana Santa viguesa.
O Xoves Santo é o primeiro día do Triduo Pascual no que Xesús bendí, parte e distribúe o pan do seu corpo no medio da cea de despedida cos seus discípulos. Xesús institúe no día de hoxe a Eucaristía co signo do pan e do viño e no medio desa Última Cea proclama o mandamento do amor fraterno antes de lavarlles os pés aos seus discípulos. Para nós os cristiáns, as celebracións do Xoves Santo están cargadas de íntima emoción ao lembrar a despedida de Xesús que se vai só camiño da cruz. Nesas horas de soidade de Xesús celébrase a nosa procesión polas rúas de Vigo cos pasos procesionais que nos fan presentes as dores de Xesús na Vía Dolorosa. Convídovos a camiñar xuntos nesa procesión.
O Venres Santo é o día da morte de Xesús na Cruz. A celebración deste día desenvólvese en tres partes: a primeira é a proclamación da paixón do Señor e a oración universal; a segunda é a adoración da Cruz en comuñón con Xesús crucificado e con todos os crucificados da historia; e, por último, o rito da comuñón. Neste día os cristiáns mergullámonos con Xesús nas tebras da Cruz e contemplamos como desde ese deserto humano xorde a raíz da salvación. É un camiño misterioso para o noso razoar e sentir, pero é o camiño elixido por Deus. En todo o mundo cristián hoxe é un día santo por excelencia. É o día da morte de Xesús na Cruz. Aquí en Vigo tamén os cristiáns viviremos este día ao redor de Cristo crucificado. E farémolo, despois dos Oficios Litúrxicos, en dous momentos moi especiais para nós. Primeiro na gran procesión do Santo Enterro e a Virxe Dolorosa e, xa máis tarde, no tradicional Vía Crucis do Monte da Guía.
O Sábado Santo é día do gran loito dos cristiáns á espera da solemne celebración da Vixilia Pascual. É a gran noite da Pascua na que os cristiáns celebramos o triunfo de Xesús sobre a morte. Estamos convidados a vivir esta Pascua de Resurrección como o día da nova creación. Xesús, coa súa morte e resurrección, rompeu as barreiras que separaron aos seres humanos. Quere darnos unha identidade nova. Vivir en comuñón con Cristo Resucitado é o sentido de vida de todos os crentes. A noite do sepulcro foi vencida. A Resurrección de Xesús ilumina a nosa vida para sempre. A presenza do cirio pascual nas nosas celebracións lembraránolo durante todo o tempo pascual que celebraredes con todas as vosas parroquias. Non deixedes de acudir ás vosas parroquias neste tempo pascual.
Coa alegría da fe que compartimos convídovos a vivir xuntos estas grandes celebracións da próxima Semana Santa e da Pascua de Resurrección.
Unidos no camiño da Pascua.