5 de Decembro de 2024

,

San Sabas
5 de Decembro de 2024

,

San Sabas

Carta Bispo – “Acompañar a soidade”

Carta Bispo – “Acompañar a soidade”

Acompañar a soidade

 

Benqueridos irmáns e irmás:

Despois de moitos días sen poder reunirnos na igrexa, por mor da pandemia que nos obrigou a confinarnos nos nosos fogares, hoxe, por fin, podemos facelo cheos de alegría e esperanza.

 Celebramos neste Domingo a xornada do enfermo, que ten como lema: “Acompañar a soidade”. Nesta data a Igrexa invítanos a rezar dun modo especial polos enfermos e polos que os coidan e acompañan, ademais de lembrarnos a todos os cristiáns a especial preocupación que habemos ter polos que máis sofren na nosa sociedade.

Esta chamada da Igrexa a acompañar a soidade dos que sofren, axúdanos a volver a nosa mirada cara a estes días duros que vivimos na loita contra o coronavirus e cara ao tempo que nos espera de atenta vixilancia para precavernos de posibles contaxios.

 En primeiro lugar, elevamos ao Señor a nosa oración por todas as vítimas do COVID-19 que, en moitos casos, tiveron que partir deste mundo privados da compañía dos seres máis queridos. Durante moito tempo quedarán na nosa memoria esas escenas de soidade na morte e na despedida nos cemiterios. Recordamos tamén nas nosas súplicas ás familias que viviron a dolorosa experiencia da morte de familiares queridos.

Queremos, ademais, dar grazas ao Señor pola entrega xenerosa de tantos profesionais. A súa actuación, exemplar e abnegada, permitiunos a moitos afrontar con ánimo sereno as difíciles circunstancias que nos tocaron vivir. Destacamos, por encima de todos, aos médicos e ao persoal sanitario pola súa dedicación heroica e sen reservas.

O poder estar aquí, de novo xuntos, na igrexa é un agasallo que fortalece a nosa esperanza e anímanos a reemprender o camiño de cada día unidos na fe. Á vez que renovamos a nosa convicción de camiñar xuntos na Igrexa, o Señor invítanos a fortalecer a fe dos nosos pais na práctica das virtudes cristiás. Necesitamos fe para crer nas posibilidades que Deus puxo nas nosas mans. Necesitamos esperanza para construír un futuro que se presenta cheo de incertezas pero cargado de desexos de renovación. Necesitamos caridade para abaixarnos, como Cristo bo samaritano, cara ao irmán máis débil e vulnerable; porque esta crise sanitaria traerá consigo unha crise económica e social que esixirá de todos, crentes e non crentes, un renovado compromiso pola solidariedade.

A responsabilidade ante a saúde pública obríganos a cumprir as normas que as autoridades competentes estableceron. Vós xa as vindes cumprindo na vida persoal e social. A Diocese e as nosas parroquias queren poñer o maior esforzo en respectar as medidas tomadas para previr calquera posible contaxio. Preocúpanos a saúde de todos e as nosas celebracións poñerán niso un exquisito coidado. Entendo que isto poida ser causa dalgún inconveniente ou contratempo, pídovos paciencia e comprensión. Coa vosa colaboración e responsabilidade as nosas celebracións serán o signo máis fermoso dunha Igrexa que camiña con forza e con alegría.

Celebramos de corazón o poder estar aquí xuntos loando ao Señor. Nestes días pasados démonos conta, unha vez máis, do decisiva que é a fe na vida. Esta Eucaristía de Pascua invítanos á alegría por poder manifestar a nosa fe en Xesucristo Resucitado e por este reencontro, ansiado quizá como nunca na vida. Deamos grazas a Deus polo inmenso don que significa celebrar a fe unidos como comunidade parroquial, segundo o exemplo daquelas primeiras comunidades cristiás nas que a fe e a vida estaban tan unidas. E pidamos que pronto toda a comunidade cristiá podamos reunirnos sen que iso supoña ningún risco para a saúde.

Como pastor da Diocese quero agradecer con todo o meu corazón o gran esforzo dos vosos párrocos por manter, malia as dificultades, o contacto próximo con todos vós nestes días de confinamento no fogar. A eles tamén lles encomendo con toda a miña confianza o coidado pastoral de cada un de vós nesta nova etapa de loita contra o coronavirus.

 Para todos vós pido ante todo a saúde e a forza do Espírito para acometer con valentía o tempo novo que temos por diante.

Unidos no Señor.

+ Luis Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo