13 de Outubro de 2024

,

Santo Teófilo
13 de Outubro de 2024

,

Santo Teófilo

Carta programática para o curso 2024-2025

Carta programática para o curso 2024-2025

Benqueridos irmáns e irmás:

Cando iniciaba o meu ministerio pastoral, invitábavos a soñar, e dicía que vos necesitaba a todos. No inicio de curso, cando nas delegacións, parroquias e grupos andamos programando obxectivos e accións, repítovos esta invitación. Gustaríame que viviramos esta nova etapa soñando xuntos, con realismo, buscando camiños ilusionantes polos que ser fieis ao mandado do anuncio do Evanxeo a todas as persoas. A miña intención neste curso é, primeiramente, irvos coñecendo pouco a pouco. Saber quen sodes, onde estades a construír Igrexa, cales son as vosas dificultades, gozos e esperanzas; gustaríame xa que logo empezar visitándovos, escoitándovos, coñecendo os retos e uníndome a todo o que nos últimos tempos e plans diocesanos estades a facer.

O papa Francisco invitábanos na Evangelii gaudium, publicada hai xa dez anos, a vivir a gozosa alegría que nace do encontro persoal con Cristo, encontro dirixido a todos sen excepcións, e alentábanos a anunciar con renovada paixón o inmenso amor de Deus manifestado en Cristo Xesús, morto e resucitado para a nosa salvación (Cf. EG 8-11).

Acaso pensamos que o mundo actual é impermeable a esta Boa Nova. Iso pode levarnos ao desánimo; pero quero recordar aquelas palabras que Simón lle dixo ao Señor: pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero xa que ti o dis, largarei o aparello (Lc 5,5).

Precisamos seguir largando o aparello, saíndo dunha pastoral de mera conservación a unha decididamente misioneira, aínda que iso supoña rachar coas rutinas, quitar actitudes e inercias que a obstaculicen, e poñernos en modo “busca”. Sei o difícil e cansado que pode chegar a ser, pero somos invitados a saír das propias comodidades e atrevernos a chegar a todas as periferias que precisan a luz do Evanxeo (Cf. EG 20). Non podemos demorarnos máis; este é o tempo, o agora no que todos os esforzos son necesarios, cadaquén desde as súas capacidades, forzas e situacións.

Estamos nun proceso sinodal en toda a Igrexa. A sinodalidade é o xeito de vivir e obrar dunha Igrexa, Pobo de Deus, que manifesta e realiza en concreto o seu ser comuñón no camiñar xuntos, no reunirse en asemblea e na participación activa de todos os seus membros na misión evanxelizadora (Cf. A sinodalidade na misión da Igrexa, 6). Temos aí, no mes de outubro, a nova Sesión do Sínodo en Roma, que nos ofrecerá máis pistas para seguir camiñando. Na nosa diocese vivimos xa desde hai tempo neste estilo. Todos recordamos a celebración do Sínodo diocesano que nos interpelaba coa súa invitación Esperta e camiña e coa palabra do Señor que di: Rema mar a dentro e larga o aparello para pescar (Lc 5,4). Temos que seguir acollendo o que o Espírito nos vaia suxerindo, acompañando o proceso sinodal de toda a Igrexa, pero tamén retomar as indicacións e camiños descubertos, ben actuais, do noso Sínodo diocesano. Non podemos deixar que as Constitucións, voz do Espírito e reflexo dun traballo serio e comprometido, queden só no recordo da nosa Igrexa.

Para que os soños non sexan só unha ilusión é preciso seguir afondando na conversión pastoral e sinodal. Cristo chámanos a unha perenne reforma: dos corazóns, mentalidades e proxectos, do estilo pastoral nas parroquias e comunidades, das estruturas eclesiais. Temos que facelo xuntos, contando con todos, incluso cos que están lonxe de nós, e abríndonos a todos: somos unha Igrexa en saída e coas portas abertas (Cf. EG 46); con cicatrices, pero nai; chea de lama, pero viva. Ninguén se pode sentir fóra, e menos rexeitado. Como dicía Benedicto XVI: temos que chegar a todos sen excepción, privilexiando sempre aos máis pobres (Discurso na Catedral de Brasil, marzo 2007).

Esta conversión tense que reflectir no compromiso de vida vocacional. Todos somos chamados polo Señor a seguilo, a descubrir o xeito concreto de materializar este seguimento. Estamos ás portas do Xubileu 2025 onde unha vez máis poderemos agradecer o don de Cristo feito polo Pai e a esperanza que o Señor trae a todos. Teremos que concretar como unirnos a esta celebración da Igrexa; desde agora xa na oración e no sermos profetas de esperanza, como nos di o Papa. Tamén celebraremos na Igrexa española o Congreso de Vocacións, onde afondaremos nas nosas vidas como resposta á chamada do Señor e á necesidade de crear unha cultura vocacional que impregne toda a nosa pastoral.

A conversión tamén ten que se materializar no noso estilo e organización. Cada vez máis precisamos camiñar e traballar xuntos, simplificando as estruturas diocesanas e parroquiais, reforzando a implicación de todos, especialmente dos segrares, na vida da nosa Igrexa, nos diferentes Consellos diocesanos e nos Consellos parroquiais (pastoral e economía) que seguiremos creando e potenciando. O noso traballo ten que ser cada vez máis en rede, colaborando todos: delegacións que leven adiante proxectos en común; comunidades e parroquias que se unan para un mellor e máis efectivo traballo pastoral, potenciando a creación e afianzamento de Unidades Pastorais… sabendo que neste cambio de época que vivimos, a misión ha ser compartida; xa non vale iso de ir por libre ou pecharse no propio recuncho. É importante contar cos máis novos: a mocidade é o futuro pero tamén o presente. A promoción dunha axeitada cultura vocacional pode axudar a toda a comunidade cristiá, especialmente aos máis novos, a buscar canles para o compromiso real, efectivo e afectivo, da fe.

Temos que impulsar o primeiro anuncio, o acompañamento e a apertura dun voluntariado aberto a novas realidades que, desde unha seria e fonda formación e experiencia persoal de encontro co Señor, leve adiante o seu labor. As iniciativas formativas diocesanas como Ágora, a Aula de Teoloxía, a formación permanente dos axentes de pastoral, teñen que ser unha oportunidade para saber dar razón da nosa fe, facelo con calidade e pensando nos servizos e ministerios que cadaquén pode exercer na comunidade diocesana.

Non podemos esquecernos dos máis desfavorecidos e febles da sociedade. A situación política, social, económica e laboral que vivimos é moi incerta e difícil para moitos irmáns e irmás. Son provocadores os berros que resoan ao noso arredor e non podemos deixarnos levar pola indiferenza e mirar para outro lado. Di o Señor que os pobres sempre estarán connosco, e non podemos esquecer que El identifícase con eles (Cf. Mt 25). Necesitamos aprender a crear vínculos cos máis necesitados, sendo responsables de cada persoa e respectando e acompañando os seus procesos. Como recolle o Papa Francisco en Fratelli tutti: só a proximidade que nos fai amigos permítenos apreciar fondamente os valores dos pobres de hoxe, os seus lexítimos anhelos e o seu modo propio de vivir a fe. A opción polos pobres debe conducirnos á amizade cos pobres (FT 234).

A vida das nosas comunidades debe xirar en torno a ese compromiso integral cos máis pobres e a un estilo de vida máis austero, próximo, fraterno e evanxélico. Como dicía Santa Tareixa de Calcuta, temos que amar ata sentir dor, sabendo que somos responsables para sempre deles. Igual que nos preocupamos pola educación e celebración da fe, non podemos esquecer o noso compromiso sociocaritativo. Daquela úrxenos seguir creando e potenciando grupos de Cáritas en todas as parroquias ou zonas pastorais, cun voluntariado e estilo renovados.

Diredes que isto non é novo. Claro que non! A mensaxe final do Sínodo diocesano xa facía unha chamada a non quedarnos á marxe, a non caer na rutina, a non ancorarnos na seguridade do “sempre se fixo así” nin acomodarnos nunha falsa “estabilidade”. O papa Francisco fala da necesidade de sermos audaces e creativos nos obxectivos, estruturas, estilos e métodos evanxelizadores (Cf. EG 33), acompañando con misericordia e paciencia as etapas de cadaquén (Cf. EG 44). Todo isto terase que concretar en obxectivos e accións diocesanas, parroquiais, arciprestais; nas delegacións e institucións diocesanas. Non podemos caer no cansazo, derrotismo… este é o momento de faenar xuntos, aínda que ás veces pasemos as noites sen recoller nada. As delegacións diocesanas ofrécennos a súa programación, e cos distintos consellos diocesanos iremos elaborando un novo Plan Pastoral Diocesano, que recollendo as liñas do Sínodo diocesano e o que o Espírito vaia suxerindo, sexa instrumento para continuar nesta andaina de seguir ao Señor e anuncialo a todos nos vindeiros anos.

Somos Pobo escollido de Deus, somos terra de Deus. El dinos: tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes (Lc 5,10). El recórdanos que viño novo quere pelellos novos (Lc 5, 38), que non temos que ter medo (Cf. Mt 28,10), que sempre estará connosco ata a fin do mundo (Cf. Mt 28, 20), e que El volve novas todas as cousas (Ap 21, 5). De aí que sexamos peregrinos da esperanza, como proclama o lema do Xubileu 2025, e esteamos invitados a vivir sempre alegres no Señor (Cf. Flp 4,4).

Un novo curso, unha nova singradura. Soños, oportunidades, riscos e ilusións. Acompañados polo exemplo apostólico e a paixón evanxelizadora de san Telmo, e polo agarimo materno e intercesor de María. Agradezo a vosa acollida e todo o voso labor pastoral. Rezamos e seguimos no camiño xuntos.

Vigo, 14 de setembro de 2024.

O voso amigo e irmán

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo