Grazas por terdes vido. Porque a vosa vinda a Santiago é unha esperanza. Pode ser un cambio moi importante para todos.
Santiago é un lugar, como vistes, marabilloso; é un espazo tamén da Igrexa. Aquí tamén levamos peregrinando como Igrexa durante moitos anos. A Santiago viñeron moitas persoas na historia; viñeron moitos mozos e mozas que rexuveneceron a Igrexa.
Eu acórdome aínda dun momento marabilloso para a historia da Igrexa, o ano 1989, que foi a IV Xornada Mundial da Xuventude, que se celebrou aquí en Santiago, no Monte do Gozo, presidida por san Juan Paulo II. Foi un momento marabilloso no que tantos mozos e mozas que viñeron de Europa, de España, volveron á súa terra, volveron ás súas dioceses, cun impulso novo, moi importante para a Igrexa naqueles momentos do século XX.
Pero Europa camiñou a Santiago durante séculos. Europa nace no Camiño de Santiago. Por tanto, Santiago é o referente de moitos peregrinos hoxe. Os que estamos aquí sabemos que isto é unha ruta marabillosa, non só de Europa, senón de todo o mundo: de Asia, de Brasil, de Estados Unidos. Hoxe moita xente pon a súa vida en camiño cara a Santiago. Que ten Santiago? Por que atrae tanto Santiago? Por que o Camiño de Santiago supón para moita xente un cambio na súa vida? Esa pregunta estades a respondela vós agora. Estades a vivir na vosa vida o que significa camiñar a Santiago: é un camiño interior e tamén un camiño aberto aos demais. É un camiño que transforma a vida, porque imos ao encontro de Xesús. Vimos á tumba do apóstolo Santiago, porque Santiago foi o que nos ensinou aquí nesta terra o camiño de Xesús. E hoxe séguenos indicando ese camiño, porque cando un chega á tumba de Santiago, un está no camiño de Xesús. Moitos peregrinos hoxe seguen buscando a Santiago. Tamén vós vindes buscando a Santiago. E vós estades hoxe en Santiago buscando ao Señor.
Oxalá que estes días sexan un momento de grandes encontros para vós. Encontros con outras persoas que, sen dúbida, poden marcar a vosa vida: amigos, confidentes, padres espirituais. Atoparvos convosco mesmos, isto é o máis importante; e se vos atopades convosco mesmos, tede por seguro que vos atoparedes con Xesús, que vos atoparedes con Deus. Por tanto, encontros coma este chegan ao corazón e transforman a vida, contaxian a alegría do Evanxeo.
Nestes días dámonos conta de que o mundo pode ser un pouco mellor, debe ser mellor. Vindes de moitas parroquias, vindes de loitar moito nos vosos lugares de orixe, loitar por manter a vosa fe. E chegades aquí con desexos marabillosos, con ganas de cambiar a vosa vida e o mundo. Imos vivir uns días de profunda experiencia de fe e de Igrexa. Isto que vivides aquí faravos levar ás vosas casas unha mensaxe nova.
Cando cheguedes ás vosas parroquias, ás vosas dioceses, algo novo terá acontecido na vosa vida e deberedes ser testemuñas diso. Mirade, o Papa Francisco repítenolo unha e outra vez, a Igrexa hoxe necesita renovarse. Necesita urxentemente renovarse. E a Igrexa conta convosco para esta misión. A xuventude é a gran riqueza da Igrexa para renovar. Hai un refrán que di: «renovarse ou morrer». Toda a vida necesita renovarse: a familia, a empresa, a universidade, a Igrexa. A vida é unha permanente renovación. O mundo está sempre en movemento. Ti tes agora 20 anos, pero outros que tiñan 20 anos hai pouco xa teñen 40. A vida cambia, a vida pasa e todo supón unha renovación. E neste momento a Igrexa necesita renovar: renovar estruturas, renovar camiños, renovar métodos, pero, sobre todo, renovar o noso corazón.
Temos que renovar, limpar, o noso corazón. Temos que poñer o noso corazón áxil para poder meterlle marchas fortes, adestrarnos. Mira, a Igrexa e a historia están cheas de momentos especiais. Este é un momento crucial. Pasamos a pandemia, vivimos momentos de baixura e necesitamos nestes momentos reaccionar. E como reaccionou Xesús? Como reaccionou a Igrexa nos momentos cruciais? Retrocedendo? Pasándolle o problema a outros? Non tomando ningunha decisión? Xesús e a Igrexa afrontaron os problemas. A Igrexa tomou determinacións decisivas en momentos críticos, difíciles, complicados. Na Igrexa, sempre houbo persoas grandes, xenerosas, santas, que deron un paso cara a adiante.
Xesucristo, o noso Señor, cando se atopou con dificultades, seguiu adiante. Era moi fácil burlar a cruz. Seguiu adiante. Era moi fácil mirar para outro lado cando se atopaba aos pobres e aos enfermos. Mirou cara a eles.
A Igrexa viviu momentos moi difíciles. Hai un no comezo da Igrexa, que é o Concilio de Xerusalén, no cal os primeiros cristiáns tiveron fortes enfrontamentos. Viviron unha división tremenda uns contra outros, puntos diferentes, maneiras diferentes de entender a vida e a fe, pero Pedro, Paulo e Santiago atoparon a luz do Espírito Santo para impulsar a Igrexa cara a adiante. O Espírito Santo iluminounos e foron capaces de atopar esa luz para seguir adiante. Desde entón, e desde sempre, a Igrexa continúa seguindo os camiños do Espírito, por iso está aquí. Por que a Igrexa non sucumbe? Porque leva sempre dentro o Espírito e camiña polos camiños do Espírito, que non a abandona. E nós estamos seguros do noso camiño porque confiamos no Espírito Santo.
Hoxe tamén, queridos xóvenes, necesitamos escoitar a inspiración do Espírito Santo. Necesitamos atopar a luz do Espírito Santo. Por iso eu pídovos, rógovos, suplícovos, abrirvos ao Espírito Santo nestes días; el é a luz que hai que buscar. Non teñades medo. San Xoán Paulo II, ao comezo do seu pontificado, dixo: «Non teñades medo, abride os corazóns a Cristo, non teñades medo». Ás veces temos medo de que Deus se apropie de nós, de perder a liberdade, de non poder. Quen che dá a verdade, a liberdade, é Deus. Deus dáche a verdadeira liberdade. Deixa que Deus entre na túa vida. Non teñas medo. Vas ser feliz, moi feliz, e valo a comprobar independentemente de como te sintas.
Agora mesmo na Igrexa estamos a vivir un sínodo moi importante, que o coñecedes porque nas vosas parroquias e nas vosas dioceses fálanvos disto. Un sínodo convocado polo Papa Francisco, porque se dá conta de que neste momento necesitamos algo moi especial. Dinos o Papa Francisco que temos que camiñar xuntos na escoita do Espírito Santo, que atendamos ao Espírito Santo. É moi importante que todos —bispos, sacerdotes, relixiosos, xuventude…—, neste momento, escoitemos a voz do Espírito Santo, porque a Igrexa sen o Espírito Santo é un puro activismo. A nosa fe, se non conta coa inspiración de Deus, convértese nun puro activismo humano.
Facemos moitas cousas, empeñámonos nisto ou o outro, queremos convencer, pero se un non leva dentro o Espírito de Deus, se non leva dentro ao Señor, non vale para nada. Por iso necesitamos ver: que che di a ti, que me di a min, hoxe o Espírito Santo?
Por iso é moi importante que, nestes días aquí en Santiago, escoitedes ao Espírito Santo para que vos revele o Corazón de Xesús. El descubriravos as entrañas de misericordia do Pai. Deixádevos conducir por El. Eu vou mostrarvos un camiño para que estes días poidades atoparvos co Espírito Santo.
A oración por excelencia ao Espírito Santo é o himno que en latín dise Veni, Sancte Spiritus. É un himno que cantamos na festa de Pentecoste e que ten a ilustración marabillosa daquel cadro do Greco no que unhas chamas de lume descenderon sobre as cabezas dos apóstolos. Ese himno tédelo no voso móbil. Convídovos a rezar moitas veces nestes días, nos vosos momentos de oración máis íntimos ante o Santísimo:
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.
Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ó esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dáno-lo gozo eterno.
Amén. Aleluia.
Levádeo sempre no voso lugar favorito. É moi importante que vos sintades intimamente unidos ao Espírito na oración. Nestes días é moi importante que fagades esta oración, que vos sintades protexidos polo Espírito, que vos sintades iluminados, que sintades que estades no camiño auténtico da vida. Sen Ti nada é bo.
Sodes conscientes de que o Espírito Santo vos convida a saír de vós mesmos. É a primeira chamada da vida para saír de nós mesmos. A primeira riqueza da persoa humana é: saír ao encontro do outro. O outro é unha gran riqueza. Un que está pechado en si mesmo é máis pobre. Pero cústanos saír. A gran tentación é quedarte en ti, no teu edificio defendido; quedarte na túa fortificación. Hai que saír. Hai que romper os individualismos, os inmobilismos, os illamentos, que son os que crean tantas cousas inxustas.
A vida é moverse. Os quietos morren. E, sobre todo, hai que liberarse dos retraementos, é dicir, hai que lanzarse. Mirade, e é unha escena que tamén a min me gustaría que a meditásedes: a escena de Pentecoste. Contemplar esa escena nesta oración: cando aqueles apóstolos estaban metidos no Cenáculo, encerrados e de súpeto veu o Espírito Santo en forma dun gran ruído, botounos fóra e comezaron a falar linguas distintas; comezaron a entender a todos, a comunicarse con todos. Os apóstolos estaban paralizados, tiñan medo, encerráronse no cenáculo. Aquilo ameazaba cunha desbandada total. Parecía que non había saída; tiñan medo porque habían crucificado ao seu mestre. Pero fixádevos, en Pentecoste irrompeu o Espírito e cambiouno todo.
A Igrexa, queridos xóvenes, nace co impulso imparable do Espírito. O Espírito concedeulle aos Apóstolos o don das linguas, o poder de comunicar sen límites a forza do anuncio impulsor da Igrexa. Hoxe necesitamos anunciar o Evanxeo; por iso necesitamos ter a capacidade para comunicalo, para dominar a linguaxe do anuncio. Por tanto, debemos aprender a lingua do Espírito.
Neste tempo é moi importante saber linguas. Todos tedes experiencia de aprender unha lingua. Se ides a YouTube, atopádesvos con mil métodos para aprender idiomas. E danche consellos de como tes que facer, de como tes que avanzar, de como en pouco tempo podes dominar un idioma, dinche mil cousas… pero fundamentalmente dinche que para aprender hai que perder o medo, lanzarse, vencer o ridículo. Hai que asumir riscos e non esperar ser perfectos. Quen quere manexar unha lingua perfectamente desde o comezo, é tan perfeccionista que non avanza. Para aprender a lingua do Espírito hai tamén que lanzarse, hai que perder os medos, hai que romper barreiras. Hai que perder o medo ao ridículo.
Sé ti mesmo e non te esquezas aquilo que dicía o gran poeta Antonio Machado: «camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar». Seredes vós, queridos xóvenes, os que vaiades abrindo camiños na vida. Hai que abrir camiños na túa terra, na túa parroquia, na túa diocese. Hai problemas, hai que abrir camiños novos, sobre todo neste tempo en que estamos. A gran tentación é lamentarse, quedar na pura crítica, non afrontar os problemas.
Os musulmáns teñen na súa vida unha obriga que é peregrinar unha vez á Meca. Todo musulmán, viva onde viva, estea onde estea, ten a obrigación dunha vez na súa vida ir á Meca. Agora pódese ir en avión, pódese ir en moitos medios de comunicación, pero noutros tempos había que ir andando. Conta unha fábula que dous musulmáns puxéronse de camiño á Meca. Saíron os dous. Un foise, chegou e, cando volvía, atopou ao outro en metade do camiño cara á meca. Preguntoulle: «como estás ti aquí? Eu xa veño de volta». O outro [que non chegara á meca] respóndelle: «é que había tantos cans no camiño…». Como atendas aos cans, nunca chegarás ao final do camiño. Hai moita xente que está preocupada unicamente polos cans do camiño, que perdeu a ilusión. Hoxe, queridos xóvenes, convídovos a que deixedes ao carón os cans que ladran para que vos poñades ao camiño e en mans do Espírito.
Que Santiago sexa o comezo dun novo camiño na túa vida! E que camiño?
Hai unha imaxe que me gusta moito a min, que a atoparedes nos exercicios de San Ignacio de Loyola —que viviu no século XVI e xa que logo fala a linguaxe antiga dos reis—, ao comezo da segunda semana. Nesa meditación, San Ignacio propón o exemplo dun rei terreal: imaxinádevos estar nun outeiro fermoso, bonito, nun monte pequeno, como os que cruzastes estes días; no centro, un gran señor, un gran rei, moi bo, cheo de virtude, que convida á xente para crear un mundo novo, a loitar contra as inxustizas, a romper as barreiras do mal. Así, vai chamando ás persoas para que se unan a ese proxecto, creando unha gran meta, unha gran esperanza para o mundo. Se trasladamos isto ao rei eternal, falamos dun Deus que reúne aos bos, que nos chama e convídanos a destruír as inxustizas, a rexenerar soños, a crear un mundo novo: «queredes vir comigo?», pregunta ese Rei.
O Señor fainos nestes días esta pregunta: «queredes vir comigo para construír ese mundo marabilloso?». San Ignacio di que todos os bos han querer. O Rei eternal chámavos a iso estes días, queridos xóvenes. Ides sentir na vosa vida moita alegría, moito gozo, pero tamén sentiredes algún medo; sentiredes que «hai que pensalo mellor, hai que darlle tempo».
Estes días o Señor diche: «queres vir comigo nesa gran empresa que teño, queres enrolarte comigo neste gran proxecto de facer e construír un mundo novo?» Que o Espírito Santo vos ilumine e vos axude para sentir a súa calor e a súa luz na vosa vida!
+ Luis Quinteiro Fiuza
Obispo de Tui-Vigo
Transcrición realizada a partir da grabación publicada na canle de YouTube da diocese de San Sebastián: https://www.youtube.com/watch?v=oq9Hxdwn6Gs