Mensaxe con motivo do Domingo Mundial das Misións (Domund), celebrado o 19 de outubro de 2025
Nesta fin de semana, celebramos en toda a Igrexa a Xornada Mundial das Misións (DOMUND), no contexto do Xubileu da Esperanza. Na súa mensaxe para esta Xornada, o papa Francisco recordábanos a cada cristián e a toda a Igrexa, comunidade de bautizados e bautizadas, a vocación de sermos mensaxeiros e construtores de esperanza. Somos, polo bautismo recibido, discípulos e misioneiros; esta é a nosa razón de ser, e cadaquén vive na súa realidade esta vocación.
Xesucristo pasou polo mundo facendo o ben e curando a todos (Feit 10,38), devolvéndolle a esperanza en Deus a todos. Esa misión séguese hoxe por medios dos discípulos: o Señor, segue levando adiante o seu proxecto, a través de homes e mulleres que ofrecen as súas vidas por todos no medio das xentes.
Somos chamados á misión de anunciar o Evanxeo e construír esperanza. Algúns de entre nós, seguindo a chamada divina, saen a outras nacións para dar a coñecer o amor de Deus en Cristo. A estes, misioneiros e misioneiras, queremos recordar nesta Xornada dun xeito especial, e queremos facelo cun gran sentimento de acción de grazas. Eles e elas son, hoxe, a voz, as mans, os pés e o corazón de Cristo en tantos lugares; son sementadores de esperanza. Recordamos con agarimo e agradecemento a todos os que desde a nosa diocese saíron para poñer o seu gran de area e seren «misioneiros de esperanza entre os pobos». Eles foron e son presenza viva da nosa Igrexa particular no seo doutras comunidades cristiás, signo de vitalidade dunha Igrexa que racha coas fronteiras e muros para compartir a alegría do evanxeo, a alegría da fe.
Pero non podemos conformarnos con isto. Esa vocación misioneira noutras terras precisa o apoio do resto da comunidade eclesial. Como podemos facelo? Non se trata só de colaborar coa misión, senón de participar nela:
- Cooperando persoalmente coa misión, adicando algún tempo en terras de misión —por que non?—, ou como voluntarios/as nas delegacións diocesanas, parroquias, grupos misioneiros,…
- Orando e ofrecendo o noso traballo polos misioneiros e misioneiras
- Compartindo algo do noso diñeiro a través das colectas que nesta fin de semana se farán nas diversas parroquias, para que as comunidades en terra de misión poidan contar con suficientes recursos para levar adiante a súa tarefa.
Toda a Igrexa, ti e eu tamén, estamos chamados á misión. A celebración do DOMUND é unha oportunidade axeitada para renovar a nosa convicción de que toda axuda conta e é alimento para a tarefa evanxelizadora da Igrexa nos lugares máis necesitados.
Grazas polo teu compromiso e colaboración.



