9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio
9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio

Coidade dos mares; coidade das súas xentes

Coidade dos mares; coidade das súas xentes

Día das xentes do mar 2024

Con motivo da celebración da festa da nosa Señora do Carme, patroa da xente de mar, diríxome ao mundo marítimo e á sociedade en xeral a través desta mensaxe.

No contexto actual de graves problemas ambientais e dunha persistente falta de consideración polas necesidades e os dereitos da xente de mar, especialmente nalgúns países, María chámanos a coidar dos mares e a coidar das súas xentes. A contaminación dos mares é un problema perentorio, a asistencia á xente de mar unha demanda constante. Por iso, «hai que coidar deles».

Durante a oración do Ángelus, do domingo 11 de xullo de 2021, declarado Domingo do Mar, o papa dirixiuse de maneira especial «a todos os que dependen do mar para o seu traballo e sustento» e dixo: «Rezo por eles e exhorto a todos a coidar os océanos e os mares. Coidade a saúde dos mares: nada de plástico no mar!».

Hai que mencionar que, segundo a ONU, 8 millóns de toneladas de plástico entran no océano cada ano, matando a vida mariña e ameazando a cadea alimentaria humana.

O papa Francisco fai moitas referencias á necesidade de coidar os océanos e os mares. Na súa encíclica Laudato si, sobre o coidado da nosa casa común, no número 40, por exemplo, di: «os océanos non só conteñen a maior parte da auga do planeta, senón tamén a maior parte da vasta variedade de seres viventes […]. A vida nos ríos, lagos, mares e océanos, que alimenta a gran parte da poboación mundial, vese afectada polo descontrol na extracción dos recursos pesqueiros, que provoca diminucións drásticas dalgunhas especies…».

É, pois, de suma urxencia que todos sexamos conscientes de que debemos coidar dos mares, tan importantes para a nosa economía e a nosa subsistencia en xeral.

Hai que facer tamén énfase especial no coidado da xente de mar, daqueles que co seu traballo fan posible tanto a pesca como o transporte da maior parte de mercadorías que consumimos en todo o mundo.

Con motivo do Día Mundial da Pesca, o 21 de novembro de 2023, o observador permanente da Santa Sede ante a FAO, o FIDA e o PMA, monseñor Fernando Chica Arellano, resaltou a importancia que o sector marítimo ten para a vida humana. A primeira imaxe que destacou é a do «porto» como «lugar de refuxio para desembarcar en caso de tormenta», lugar «desde onde se parte para descubrir o novo» e como lugar «de encontro, de espera, de asesoramento e información».

Puntualizou que, cada vez en maior grao, os portos son focos multiculturais de intercambio e diálogo, «onde as relacións humanas e comerciais contribúen ao crecemento económico e social dun país, así como á seguridade alimentaria».

Monseñor Arellano lembraba tamén que o papa Francisco subliñou sen reviravoltas «a necesidade dunha conversión ecolóxica» que obrigue moralmente, mesmo antes que legalmente, «a implementar todas aquelas medidas que a comunidade internacional foi negociando co tempo e adoptando para que a protección das persoas e o medioambiente se sitúe no centro da actividade pesqueira».

Stella Maris proponse como tarefa urxente a súa presenza en todos os portos e lugares da costa.

Facemos unha chamada a todos os sacerdotes, diáconos, relixiosos, relixiosas, voluntarios e voluntarias para que se esforcen en atendelos humana e espiritualmente e convídoos a alzar a súa voz reclamando que se incremente o benestar da xente de mar nos portos e a bordo dos barcos.

Exhortamos ás autoridades civís nacionais e internacionais para empregar todos os medios humanos e económicos na preservación dos mares.

Confiamos en que esta xornada festiva da nosa patroa a Virxe do Carme sexa unha ocasión para meditar sobre a importancia de coidar dos mares e das súas xentes.

Coa miña bendición e afecto,

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

Administrador apostólico da diocese Tui-Vigo e bispo promotor do Apostolado do Mar en España