13 de Maio de 2026,
Nuestra Señora de Fátima

Mensaxe para a Semana Santa 2026

Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí; resucitou (Lc 24, 5-6). Esta é a gran mensaxe que anunciamos os cristiáns. A Semana Santa remata neste berro: Xesús vive! El fai novas todas as cousas e nos invita á novidade. É tempo de ledicia porque Deus cumpre as súas promesas. Xesús resucitou e está vivo!

Rematou a Coresma e adentrámonos na Semana Santa. Foi un tempo de paso, que nos animaba a volver ao corazón e vivir de xeito máis auténtico; pero un tempo que remataba na experiencia de Cristo resucitado. Todo nos foi traendo a isto: á alegría da vida nova, da esperanza. A quitarnos os medos porque a angustia e o mal, no que tantas veces estamos mergullados, non teñen a derradeira palabra. Xesús vive e coa súa resurrección ábrenos a un sentido novo de vida. El faise presente nas nosas realidades e dinos: Paz convosco! Desde ese momento toda persoa pode ter a certeza de que o seu destino volve ser para sempre a vida e unha vida gloriosa e feliz.

A nós tócanos ser voceiros deste anuncio coas nosas palabras e xestos. Se cremos na vida, non nos podemos deixar esmagar polos medos; se cremos na vida, hai que erguer a cabeza e enfrontarnos ao día a día con esperanza. E sobre todo, se cremos na vida é preciso comprometernos coa paz que ven de Cristo, esa paz desarmada e desarmante, humilde e perseverante –que dicía o papa León no inicio do seu ministerio-, para que sexa realidade en cada corazón, en cada casa e familia, nas diferentes realidades humanas, en cada nación…

A celebración da Morte e Resurrección de Xesús descóbrenos o sentido de presente e de futuro das nosas vidas. Cando un se atopa co Resucitado, a súa paz e palabra, lévanos a dicir como os discípulos de Emaús: Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño? (Lc 24,32-35). A Semana Santa, celebrada e vivida, fálanos de saír de todo sepulcro, recoñecer a Xesús vivo diante de nós, de enviarnos a levar luz e vida. E como Pedro no Templo dicirlles a todos: Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaré, érguete e anda! (Feit 3,6).

         A todas e a todos, feliz Semana Santa! Que a paz do Señor Resucitado estea en cada corazón, en cada familia e fogar, en cada pobo, en cada recuncho. Que esa paz apague toda violencia e prenda en toda esperanza. Feliz Pascua da Vida!

 

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Bispo de Tui-Vigo